Saltar ao contido principal

Xestión

☝Nos próximos catro anos faise imprescindible abordar unha profunda modernización no eido administrativo que ten que pasar por dous eixes fundamentais.

Por unha parte, faise xa imprescindible unha análise e redefinición dos procedementos administrativos, a maioría deles con xa varias décadas, e que deben adaptarse tanto ós cambios tecnolóxicos que se están a producir coma ós novos requirimentos, reflexo da evolución que está a sufrir a propia universidade en aspectos como o modelo de financiamento, a adopción da cultura da calidade e da competitividade ou as novas demandas dos usuarios.

Por outra, a implantación destes novos procedementos pasa necesariamente por unha adecuada estruturación dos servizos e unidades, o que nos leva, tras o remate do proceso de funcionarización, a propoñer a definición e negociación dunha nova RPT partindo de cero, que sirva de base para unha xestión moderna, áxil e eficaz. Unha RPT que aposte na súa propia concepción por conceptos laborais actuais como son o teletraballo ou unha maior autonomía na organización da actividade laboral baseada na consecución de resultados, así como un aumento do compromiso e do nivel de motivación do persoal.

Un bo exemplo de novos servizos pode dalo a biblioteca. Os servizos bibliotecarios teñen que ir moito máis aló das misión básicas (que, obviamente, se manterán). Hai toda unha serie de cartas de servizos ó estudantado, ó investigador e á propia administración, que non se teñen mudado en moitos anos. Esperamos que a nosa biblioteca poida chegar a realizar unha oferta ben máis completa. Xa se avanzou moito en servizos de bibliometría, pero aspiramos a que haxa moitos servizos útiles para a comunidade universitaria. Neste momento está a traballar unha comisión, denominada “A Biblioteca que queremos” que fará propostas concretas. No resto de servizos poderemos percorrer un camiño semellante.


Comentarios