Saltar ao contido principal

DECÁLOGO

Liñas programáticas básicas

  1. Garantir a igualdade de oportunidades no acceso e seguimento dos estudos universitarios: Defensa da conxelación das taxas de grao e achegamento dos prezos públicos de mestrado aos de grao. Posicionamento fronte ás institucións con competencias no ámbito de financiamento de bolsas para a eliminación das restricións económicas no acceso a mestrado e avance cara á gratuidade do primeiro curso dos graos.
  2. Dignificación e valorización da calidade da docencia: Reverter os efectos negativos da interpretación e aplicación realizada das diversas normativas estatais na Universidade de Vigo.  As normativas relativas a réxime de dedicación de profesorado e restrición de convocatoria de saída a concurso de prazas de profesorado redundaron na perda de calidade docente, propiciando que estudantado e profesorado desenvolvan as súas tarefas en peores condicións que a maioría das universidades do noso contorno. Compromiso para o primeiro ano de execución do programa electoral de que o profesorado teña capacidade docente non superior a 280 horas e limitación do número máximo de materias e medidas adicionais no resto dos anos.
  3. Negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo para o Persoal de Administración e Servizos  tras unha avaliación pormenorizada da aplicación da actual. Inicio das negociacións antes de 1 ano. Abordar e  negociar a cuestión da funcionarización do persoal laboral.
  4. Mellora do clima laboral: Revitalización dos órganos de goberno como lugares de participación, debate e decisión. Respecto e recoñecemento da diversidade e pluralidade na comunidade universitaria. Mellora da comunicación interna. Negociación real cos representantes da comunidade universitaria, estudantes, PAS e PDI. Redución da conflitividade interna mediante o emprego de ferramentas de mediación. Traballar na equiparación salarial coa media das universidades españolas en canto a percepción de complementos docentes e de cargo académico das pagas extra.
  5. Xestión do talento: Intensificación da captación de estudantes de grao, posgrao e doutoramento. Impulso á internacionalización das titulacións e á docencia nun terceiro idioma para atraer estudantes internacionais de fala non galega ou castelá. Apoio para a formación especializada en mestrado e doutoramento. Compromiso de desenvolvemento do talento mediante programas específicos de inserción no ámbito laboral e profesional, carreira docente e investigadora. Compromiso de programas de formación e desenvolvemento adaptados ás necesidades específicas de PAS e PDI.
  6. Aproveitamento do potencial do capital humano da institución, focalización nas actividades de administración, docencia, investigación e xestión do PAS e PDI que xeren valor. Eliminación e simplificación de trámites e procedementos non obrigatorios por lei que non xeran valor nin melloran a calidade do servizo ao estudantado e á sociedade. Para o caso dos obrigatorios por lei, abandeirar a acción coordinada con outras universidades para minimizar os mesmos nun intento de reducir a burocracia.
  7. Planificación do cadro de persoal teórico de PDI cara ao futuro (2040). Identificación das necesidades da institución intentando compatibilizar as mesmas coas necesidades individuais de desenvolvemento do talento interno e captación do talento externo.
  8. Establecemento de criterios sinxelos, claros, estables, transparentes e negociados para a promoción e consolidación do PDI. Eliminación no menor tempo posible da bolsa de acreditados para o corpo de catedráticos, poñendo como meta 2020, sempre que as restricións legais o permitan. Defensa da priorización para o paso a Contratado Doutor e Profesor Titular da antigüidade na acreditación.
  9. Pór a universidade a disposición do estudantado, entendendo que sen estudantado pode haber investigación, transferencia, pero non pode haber universidade. Fomento do exercicio dos dereitos do alumnado. Establecer canles de participación que sexan eficaces, áxiles e permanentes. Avanzar na formación integral do estudantado, intentando que xunto ás competencias acadadas cos graos, poidan ter una experienza internacional e no ámbito profesional.
  10. Avanzar na desprecarización dos colectivos de PDI que na actualidade se encargan na Universidade de Vigo de impartir docencia estrutural regulando o seu posible itinerario cara a figuras LOU con plans específicos.

Comentarios