Saltar ao contido principal

MANIFESTO


A UNIVERSIDADE DAS PERSOAS

Estamos nun momento fundamental para o devir da nosa universidade. Cómpre agora programar a universidade que queremos no futuro e prever os pasos que hai que dar para atinxir as máximas cotas de calidade docente, investigadora, de transferencia e de xestión para dar o mellor servizo posíbel á sociedade que nos sustenta.
Un dos sinais de identidade da Universidade de Vigo dende a súa creación foi a aposta polos principios de igualdade, mérito e capacidade. Estes principios fixéronnos ser quen de captar persoal da máxima cualificación e podermos ser competitivos a nivel mundial. Nos últimos tempos a situación está a mudar negativamente por distintas causas. Temos un problema de relevo xeracional importante. Temos un problema de planificación e organización interna do noso cadro de persoal. Temos un problema coa excesiva xudicialización da nosa universidade. Temos un problema coa toma de decisións sen contar coa opinión das persoas (estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos).
Poderiamos seguir enumerando os problemas que nos últimos anos están a lastrar a nosa universidade. Porén, e aínda sendo coñecedores das dificultades que ten a tarefa, un grupo de persoas da nosa universidade queremos propoñervos cambios que sirvan para mudar a situación actual e preparar a universidade de mediados do século XXI.
Sabemos que os mellores activos da nosa Universidade son todas as PERSOAS que forman a comunidade universitaria. Xa que logo, cumprir calquera obxectivo que nos marquemos como Universidade pasa por contar e pór en primeiro plano ao ESTUDANTADO e o PERSOAL DOCENTE, INVESTIGADOR E DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS.
En primeiro lugar, aspiramos a dar a mellor formación universitaria ao noso ESTUDANTADO. O Plan “Bolonia”, á marxe das controversias suscitadas, supuxo un cambio na formulación do concepto de docencia universitaria: dar unha formación máis individualizada, máis titorizada, en definitiva, unha formación que pensa nas PERSOAS. Queremos tamén que os nosos EGRESADOS/AS sexan os mellores embaixadores/as da nosa universidade, o que pasa por rematar coa actual desafección dos nosos estudantes respecto da súa universidade, conseguindo que se involucren en todas as facetas da vida universitaria.
A promoción do PDI debe facerse segundo os principios de igualdade, mérito e capacidade, e recoñecémola como un dereito ligado ós méritos individuais dos candidatos. No sistema actual de promoción do noso PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR non hai nin compromisos temporais nin regras claras que permanezan no tempo. Nós aspiramos a que todos os/as  profesionais coñezan as regras, e que estas sexan  sinxelas e estábeis ó longo do tempo. Desexamos que o noso PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR atinxa as máximas cotas posibles de recoñecemento e de promoción. Para nós e innegociábel que a igualdade, o mérito e a capacidade sirvan como garantías da procura da excelencia.
O Plan Bolonia, ademais dun cambio notábel na ensinanza, supuxo un incremento dos esforzos que o noso persoal debe dedicar a tarefas burocráticas, especialmente aqueles/as que teñen que participar directamente nos sistemas de garantía de calidade. Somos conscientes de que a xeración de evidencias é importante para a posterior toma de decisións que nos permita cumprir cos obxectivos establecidos, pero o que non pode ocorrer é que o proceso administrativo se converta nun fin en si mesmo. Asemade, moitas das tarefas relativas a pedidos gravitan sobre os ombreiros do PERSOAL DOCENTE e INVESTIGADOR. Se sumamos a complexidade crecente das aplicacións informáticas que aínda non son as axeitadas, moitas veces rende o desánimo.  En consecuencia, con estas premisas, pretendemos, na medida do posíbel, desenvurullar o nobelo burocrático aliviar as tarefas burocráticas en que estamos inmersos/as para mellorar a satisfacción do noso PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR.
Neste mesmo senso, evitaremos as rixideces que non veñan obrigadas por normativa superior. Pretendemos recuperar FEUGA como unha ferramenta máis ao servizo dos investigadores/as, especialmente dos/as que fan transferencia. Pretendemos evitar os requirimentos excesivos de xustificación que non sexan obrigados (como os relativos aos gastos de baixa contía, ou os relativos á asistencia a congresos, ou as axudas de custo polo traballo de campo, por exemplo).
É obvio que a situación burocrática descrita tamén afecta de forma fundamental ao PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS, polo que deben xogar un papel esencial na súa racionalización. Cremos que se pode asignar de xeito máis eficiente os recursos humanos, repensando a RPT e modificándoa, como debería ser, todos os anos, de xeito que o servizo sexa mellor e que os/as profesionais poidan desenvolver dignamente o seu traballo. Este traballo relativo á RPT pretendemos que sexa negociado, e non imposto, e que supoña tamén unha verdadeira carreira profesional.
Somos conscientes de que para a comunidade universitaria internacional a valoración das capacidades dunha universidade (e, polo tanto, do seu persoal docente e investigador) tamén está directamente ligada á xeración de coñecementos. Nun momento en que empezan a existir problemas para recuperar o pulo na investigación, é preciso afondar nos procesos de captación e posterior retención de talento. As ferramentas de captación, externas e internas, deben estar abertas para permitir o fluxo de CAPITAL HUMANO cara á mellora da institución, tendo en conta as particularidades de cada ámbito.
Para acadar todos estes obxectivos temos que ser quen de rematar coa actual política, que poderiamos cualificar de obsesiva, de constrinximento absoluto dos cadros de persoal, eliminando as ferramentas cada vez máis complexas definidas para xustificala, e instaurando uns criterios claros, obxectivos, estables, cunha adecuada valoración de todas as actividades e baseados nas necesidades reais, que permitan unha adecuada planificación a medio e longo prazo. Nesta dirección, é obvio que temos centros e departamentos con claras necesidades de PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR, así como ratios moi baixas de PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS.
Finalmente, construír unha universidade de futuro só é posíbel se TODOS/AS remamos na mesma dirección e co mesmo sentido. De nada serve, ter un capitán con “grandes” ideas se os órganos de goberno ou a comunidade universitaria non participan desas ideas e non asumen, por descoñecemento, os obxectivos que as moven. Somos unha INSTITUCIÓN en que TODOS E CADA UN DE NÓS somos importantes e, por tanto, queremos facer verdadeiro traballo en equipo. É fundamental mudar a cultura do enfrontamento na que nos atopamos pola do pacto, rebaixando a litixiosidade, recuperando o papel do Claustro como foro para debater os grandes temas, e convertendo o Consello de Goberno no espazo de diálogo, debate e acordo entre as diferentes sensibilidades universitarias para a toma de decisións, procurando acordos a longo prazo cos distintos grupos e colectivos. É a única maneira de conseguirmos que as grandes decisión teñan garantía de continuidade no tempo. Tamén contaremos con ferramentas de mediación, entre as que debe xogar un papel fundamental a institución do Valedor.





Con todas estas ideas, desenvolveremos unha serie de medidas concretas que serán a base do noso programa electoral, que pretendemos elaborar en diálogo continuo con toda a comunidade universitaria. A continuidade na aplicación das políticas previstas entendemos que servirá para debuxarnos un HORIZONTE en que a Universidade de Vigo sexa unha universidade pública, de calidade, e de referencia internacional no ano 2040.

Comentarios