Saltar ao contido principal

PROGRAMA

Outro xeito é posible

Cando a Universidade de Vigo encomezou a súa andaina, toda a comunidade universitaria compartía moitas cousas. Un desexo de formar o mellor posible as persoas egresadas, unha aspiración de sermos referente en investigación, un orgullo de pertencer á institución, un entusiasmo desmedido polo traballo e unha esperanza de que aquela universidade, aínda moza, puidese chegar ás máis altas cotas de calidade, recoñecemento mundial e servizo á sociedade que nos sustenta.
Durante moito tempo, en parte polo impulso inicial e en gran medida polo entusiasmo e os esforzos voluntaristas de todas e de todos, a nosa universidade medrou, acadando as máis altas cotas de calidade. Por unha banda, mantivemos unha relación privilexiada entre profesorado e alumnado; e, por outra, na investigación fomos quen de competir con universidades que levaban séculos traballando. Froito deste esforzo compartido, e tamén de políticas acaídas, chegamos a figurar nas clasificacións máis esixentes, incluíndo unha breve aparición no de Shangai.

Hoxe aínda mantemos unha posición relevante entre as universidades novas, pero levamos tempo amosando síntomas de que o sistema xa non funciona axeitadamente. Por unha parte, hai moitas evidencias de que a comunidade universitaria xa non confía no funcionamento do sistema. Sentímonos afastadas/os da institución, desilusionadas/os, anoxadas/os… A conflitividade está presente en todos os colectivos, e mesmo a xudicialización da política universitaria é unha constante, ante as dificultades de dialogar, negociar e pactar.
É certo que durante os últimos anos toda a universidade española pasou por momentos difíciles, pero tamén é unha evidencia que moitas delas foron capaces de mellorar moitos dos seus resultados na investigación, na docencia, na xestión…
Preséntome ás eleccións a reitor porque penso que algunhas cousas deben mudar na nosa universidade. A institución leva moito tempo desmobilizada, desacougada e sen ilusión. Queremos cambiar iso, queremos, coa participación dun equipo novo, con ganas e ideas novas, renovar a institución e permitir outra vez que as/os actoras/es reais do cambio -profesorado, estudantado e membros do PAS- dean un paso adiante e a leven de novo a escribir páxinas de éxito na nosa misión.
Co convencemento de que entre todas e todos podemos aspirar a colocar novamente a Universidade de Vigo na mellor situación para servir á sociedade galega, e de que imos poder encomezar unha nova páxina en branco na nosa historia, pídovos o voso apoio para o necesario cambio.

Pachi Reigosa 

Contido (enlaces aos contidos)

Claves para outra forma de facer universidade.

H2040 presenta un proxecto integral, realista e posible para unha universidade de excelencia, humana, sostible e inclusiva.
PERSOAS
1.     Estudantes: Ofrecer unha formación integral ao estudantado. Incrementar a relación coas empresas para mellorar a empregabilidade e facilitar a integración na vida laboral. Favorecer a integración do alumnado de novo ingreso na vida universitaria e atender as súas necesidades formativas e informativas. Traballar co alumnado con necesidades especiais o discapacidade para a súa completa inclusión. Combater todo tipo de acoso creando as estruturas necesarias. Conxelación das taxas de grao e achegamento dos prezos públicos de mestrado ós de grao. Captación de estudantes en Galicia, norte de Portugal, Brasil e países de fala castelán; fomentar a impartición de cursos completos en inglés para atraer estudantes europeos ou de terceiros países. Potenciar a relación co alumnado egresado.
2.     PDI: Definición do Cadro Teórico de PDI que a Universidade necesita con un horizonte temporal amplo (pretendemos programar a Universidade do futuro, H2040), que permitirá identificar e planificar as necesidades de contratación e consolidación a medio prazo, e constituirá, por primeira vez en anos, unha verdadeira política de persoal. Recuperación do poder adquisitivo. Pagamento íntegro das pagas extras. Definición de plans específicos de promoción e estabilización orientados ao profesorado asociado, persoal interino e outras figuras non estables. Criterios de promoción e estabilización sinxelos, claros e estables. Consolidación dos contratos estruturais en precario (programas da lei da ciencia, Ramón y Cajal e semellantes). Eliminación da bolsa de acreditados no menor tempo posible seguindo unha listaxe baseada na data de acreditación.
3.     Persoal de Administración e Servizos: Negociación dunha nova RPT tras avaliación da actual; inicio das negociacións antes de 1 ano. Plan de promoción integral para o persoal funcionario e laboral. Criterios negociados e estables con respecto á mobilidade e traslados. Contar co PAS para asunción de cargos unipersoais de dirección.

DOCENCIA
4.     Docencia: reducir a carga máxima do profesorado (280h), mantendo os criterios de cálculo de dedicación actual para o resto do PDI. Limitación no número máximo de materias. Simplificación do programa Docentia para que sexa útil para a diagnose e a mellora da actividade docente. Mellora das enquisas de avaliación do profesorado.
5.     Creación da Unidade de Posgrao e Formación Continua: Unha universidade moderna e universal debe contar cun centro de posgrao e formación continuada onde se ofrezan temáticas de acordo coa demanda empresarial, cultural e social, e de interese para a comunidade universitaria, que sirva a todo o persoal para estar máis preparado ante o modelo económico cambiante actual: aprendizaxe ao longo da vida (Lifelong Learning). Prioridade á universidade virtual mellorando a oferta de cursos on-line, o que se denomina Espazos de Coñecemento Aberto mediante cursos MOOC ou similares.
6.     Creación da Universidade de Verán da Eurorexión nas futuras instalacións da Cidade do Mar na antiga ETEA. Promover o debate en temas na fronteira do coñecemento de interese internacional e interrexional

INVESTIGACIÓN, TRANSFERENCIA E INTERNACIONALIZACION
7.     Investigación: potenciar as liñas de investigación existentes, e apoiar novas liñas emerxentes de interese estratéxico para a sociedade e a universidade. Consolidación, estabilización e recoñecemento do noso persoal investigador e captación de talento investigador. Potenciarase o desenvolvemento da internacionalización. Creación dunha oficina de xestión integral de proxectos e contratos de I+D+i. Dada a nosa aposta por impulsar a investigación no ámbito das Humanidades e as Ciencias Sociais, crearemos o Centro de Investigación en Linguaxe, Tradución e Cognición como elemento vertebrador.
8.     Transferencia: Potenciar novas fórmulas de colaboración co tecido empresarial, recuperar FEUGA como vía alternativa para a xestión dos proxectos con empresas e redefinir o papel da FUVI. Apostar pola creación de spin-offs e start-ups. Potenciar os doutoramentos industriais e establecer os mecanismos para que se poda vencellar a oferta de TFGs e TFMs coas necesidades das empresas e outras entidades. Apostar por una transferencia en tres vertentes (empresarial, social e interuniversitaria).
9.     Internacionalización: Temos unha vontade específica de expandir as nosas fronteiras máis aló do ámbito local, implicando a mobilización de recursos materiais e humanos e unha planificación axeitada e plurianual, con este obxectivo crearemos a vicerreitoría de internacionalización.

GOBERNANZA
10.  Economía. Propoñemos unha Universidade sostible economicamente.
11.  Redución da conflictividade: Fomentar un cambio de actitude na toma de decisións baseado na negociación amistosa: mediación, aproveitamento do Tribunal de Garantías, creación da Unidade de Mediación.
12.  Simplificación da burocracia e calidade: Creación dunha Unidade de Innovación Administrativa encargada do proceso de posta en funcionamento da Administración Electrónica, así como de analizar e racionalizar os trámites e procedementos utilizados internamente pola Universidade. Entender a calidade como un medio para acadar a excelencia e non como unha fin en si mesma, potenciando as súas fortalezas.
13.  Universidade intelixente e sostible: Queremos incluír a sostibilidade como un eixe fundamental da estratexia de goberno, presentando iniciativas en todos os ámbitos (optimización de espazos, mellora de equipamentos e conservación de edificios, edificios sostibles e renovables, repensar o uso de edificios antes da súa construción, aforro enerxético, potenciar os espazos verdes, proxecto Smart Campus) e que permitan impulsar á Universidade de Vigo como un referente de universidade sostible e intelixente.
14.  Responsabilidade Social, Participación e Comunicación: Definir un plan integral de comunicación para a Universidade. Crear un plan completo de Responsabilidade Social da Universidade (RSU), que sexa un instrumento de xestión da calidade ética da organización, renovando así́ o noso compromiso e vontade de liderado social. Incluirá un Código Ético, así como unha Comisión de Ética e Responsabilidade Corporativa.
15.  Igualdade de oportunidades: Un compromiso claro e decidido para a procura da igualdade real de todas as mulleres e homes da comunidade universitaria. Asumimos como principio vertebrador desta área a transversalización -maistreaming- tal como propoñen as directrices europeas, o que supón que os retos da igualdade deben espallarse en todos os eidos, como son a docencia, investigación, xestión, relacións institucionais, transferencia e comunicación.


CAMPUS DE OURENSE E PONTEVEDRA
16.      H2040 quere que as tres follas do noso escudo brillen con luz propia. Por iso os campus deben de ser atractivos e aumentar o seu potencial a través da especialización e a complementariedade. Pontevedra debe apostar pola súa imaxe creativa, comunicativa, deportiva e sostible. Ourense facer unha aposta pola súa vertente  da enxeñaría, científica, xurídica, turística e educativa.












[1] BOE núm. 261 de 31/10/2015
[2] Ley 14/2011, de 1 de junio, de la Ciencia, la Tecnología y la Innovación. BOE núm. 131 de 02/06/2011

Comentarios