Saltar ao contido principal

Sostibilidade e sociedade

☝Un dos nosos obxectivos será reforzar a nosa presenza nas cidades e na contorna dos tres campus para consolidala nosa imaxe e achegala á cidadanía. Xa temos avanzado neste sentido, de tal xeito que agora mesmo somos un referente no ámbito da sostibilidade, aspecto no que queremos seguir cara adiante, impulsando novas accións para promover a eficiencia enerxética, a reciclaxe e a reutilización, diminuír o consumo e promover o transporte público e as enerxías renovables. A UVigo, co seu exemplo e actuacións, debe situarse dentro das clasificacións que valoran as universidades sostibles, promovendo unha conciencia ambiental entre o seu estudantado e cadro de persoal. Entre as actuacións previstas destacamos as seguintes:

- Propoñemos fomentar a auto-produción e o autoconsumo eléctrico para reducir a nosa pegada de carbono, mediante a instalación programada de enerxías renovables e das superficies fotovoltaicas precisas para equilibrar a nosa produción co noso consumo ó longo do ciclo anual.

- Desenvolveremos un plan específico de sostibilidade enerxética que incluirá alumeado (interior e exterior), climatización (frío e calor), e redución intelixente do consumo de enerxía nos campus e dentro dos edificios da universidade, a través de sistemas de xestión automatizada. Realizaremos un seguimento e análise activa dos consumos de tódolos edificios.

- Analizaremos a viabilidade de implementación de sistemas de enerxía xeotérmica en diferentes situacións nos campus

- Crearemos comunidades enerxéticas universitarias nos tres campus.

- No ámbito da mobilidade, potenciaremos o uso de transporte público, promovendo que sexan non contaminantes e establecendo un programa de axudas ó transporte, incluíndo opcións para coche compartido. Tamén realizaremos un plan integral de mobilidade para os campus, en colaboración cos concellos limítrofes e as empresas de transporte. 

- Ampliaremos a dotación de cargadores para coches eléctricos en tódolos campus e promoveremos o uso de vehículos eléctricos ou híbridos na flota oficial da universidade  adaptados ás necesidades. 

- Seguiremos apostando pola captación de subvencións de outras administracións para fomentala sostibilidade dos campus.

Neste ámbito tamén é fundamental o papel da Oficina de Medio Ambiente, polo que potenciaremos as actuacións que xa está levando a cabo, como son a recollida selectiva de residuos, o consumo eficiente de auga nos campus, ou a revisión e actualización dos planes de redución e xestión de residuos perigosos, tanto químicos coma biolóxicos. Tamén promoveremos accións orientadas ó coñecemento da flora e fauna dos campus e elaboremos un plan de mellora continuada da xardinaría. 

Seguiremos apostando por todos os aspectos que reforcen os valores éticos e morais asociados á conservación ambiental e á saúde das persoas. Neste sentido, ampliaremos a aplicación dos principios de compra pública verde e responsable á contratación de bens e servizos. O obxectivo e favorecer os principios da economía circular, minimizando a pegada ambiental e buscando o residuo cero na adquisición de bens. 

Pero ademais a universidade ten a misión de difundir entre a sociedade o que fai e o que se pode facer sobre sostibilidade e medio ambiente. Daquela, promoveremos xornadas de divulgación relacionadas coa investigación que nestes eidos realizan equipos de investigación da nosa institución. Tamén se realizaran actuacións de apoio (convocatorias de axudas) ás asociacións de estudantes e outros membros da comunidade universitaria para o desenvolvemento de actividades de sensibilización ambiental. Moi especialmente, faranse actividades de comunicación e sensibilización en materia de redución do consumo enerxético e fomento das enerxías renovables dentro e fóra do ámbito da propia universidade, incluíndo conferencias, mesas redondas e outros medios.

Comentarios