Saltar ao contido principal

Plan de Investigación, Transferencia e Innovación

☝Este plan será a ferramenta esencial a través da que se desenvolverá a estratexia da Universidade de Vigo nos ámbitos da investigación, a transferencia e a innovación. 

Apóstase pola investigación de excelencia en todas as áreas do coñecemento como característica primordial, apoiando as liñas de investigación de calidade e promovendo aquelas áreas que precisen mellorar os seus niveis de desempeño. Proponse favorecer os centros de investigación xa existentes mediante o establecemento dun contrato programa, así como apoiar novos centros ou institutos universitarios de interese estratéxico para a sociedade ou que permitan agrupar e favorecer eidos nos que teñamos potencia.

Promoverase que o noso PDI acade o maior número posible de sexenios de investigación e transferencia, para iso realizarase unha re-avaliación dos criterios da produción de investigación e de transferencia equilibrado entre os diferentes ámbitos e acorde cos criterios nacionais. As modificacións realizaranse con prudencia e buscando o máximo acordo entre toda a comunidade universitaria. Asemade darase un maior recoñecemento á mesma, incrementando ano a ano as  cantidades dedicadas a esta partida. Queremos dar tamén maior visibilidade á produción científica da Universidade de Vigo co impulso do portal de investigación DIALNET, que estará visible e operativo nos primeiros meses da vindeira lexislatura. 

Un dos obxectivos esenciais será a formación de persoal investigador e o fomento e coordinación da investigación científica, tecnolóxica, humanística e artística. Unha das prioridades neste ámbito será a posta en marcha dunha serie de medidas que permitan a consolidación, estabilización e recoñecemento do noso persoal investigador e outras orientadas á captación de talento. Continuaremos coas políticas de retención de talento investigador, cun plan de promoción por méritos investigadores, mantendo unha cifra de persoas retidas semellante á da lexislatura anterior. 

Propoñeremos un claro desenvolvemento da carreira investigadora na UVIGO en todas as súas etapas, que inclúe o compromiso de estabilización coas figuras Ramón y Cajal, Beatriz Galindo, Distinguidos UVIGO, María Zambrano, etc., así como prestar especial atención ó persoal investigador postdoutoral mediante un plan concreto que propicie a súa promoción e estabilización.

Estudarase a creación dun corpo de persoal científico-técnico e de xestores de proxectos que apoie e impulse a investigación, a innovación e a transferencia cunha folla de ruta para o desenvolvemento da súa carreira profesional.

O obxectivo é sentar as bases para desenvolver unha universidade atractiva, nova, moderna, preocupada polo seu persoal e que poida desenvolver ó máximo as súas capacidades. Xunto coa necesidade de equilibrar cadros de persoal entre diferentes ámbitos, faremos unha reformulación dos programas de contratos predoutorais e posdoutorais, coa finalidade de ter recambio xeracional nas áreas deficitarias. Tamén seguiremos coa captación de talento internacional, persoal investigador de moi alto nivel para o desenvolvemento de liñas estratéxicas de investigación na Universidade de Vigo e para o desenvolvemento cultural, económico e social de Galicia. Seguiremos captando investigadores Highly Cited, ERCs, etc. ou impulsando a participación en programas COFUND. A finalidade última será impulsar e atraer investigadores/as tractores da investigación, para fortalecer institutos, centros de investigación ou novas liñas futuras de investigación e transferencia. 

Faremos unha aposta clara pola Ciencia Aberta, como xa temos iniciado coas publicacións en aberto, a través dos acordos transformativos coas principais editoriais, fomentando a nosa integración e incorporación a iniciativas nacionais e internacionais neste senso. Continuaremos co traballo xa iniciado na comisión “A biblioteca que queremos” para intentar mellorar as novas esixencias internacionais e facer unha oferta máis completa ó persoal investigador. Continuaremos coa integración en EOSC e coa potenciación do noso repositorio INVESTIGO e o desenvolvemento de políticas de acceso de publicacións e datos en aberto. Axudaremos o persoal investigación na realización de plans de xestión de datos, así como na integración da RRI (investigación e innovación responsable) no marco dos proxectos. E aportando novas orientacións cara ás novas tendencias en avaliación da investigación, acordes ás propostas do manifesto de Leiden, que xa empeza a ser tido en consideración nas avaliacións da ANECA. 

Potenciarase o desenvolvemento da internacionalización da nosa investigación e a creación de alianzas e unións estratéxicas que proporcionen un pulo renovado á investigación colaborativa con institucións, empresas e outros ámbitos externos á UVigo, en colaboración coa Vicerreitoría de Internacionalización. Fomentarase e incentivarase a mobilidade dos investigadores, coa convocatoria de mobilidade e de recualificación para o PDI, para potenciar a súa actualización, a  difusión de coñecementos e o intercambio científico. Manteranse as axudas propias de visitas de investigadores/as, a organización de congresos e reunións de carácter internacional e as axudas á internacionalización e á preparación de proxectos de investigación internacionais. Crearase  unha unidade de tradución científica que contribúa a incrementar as publicacións e relacións internacionais. Sen dúbida, incrementar o número de publicacións científicas en revistas que ocupan as primeiras posicións dos rankings, incrementar o número de proxectos obtidos en convocatorias internacionais e nacionais, aumentar o número de patentes en explotación, os contratos de I+D+i firmados con empresas e institucións, a publicación en editoriais de prestixio recoñecido internacionalmente, contribúe claramente a mellorar o recoñecemento internacional da nosa universidade. Promoveremos o mantemento do selo europeo HRS4R, co deseño dun protocolo, instrumento e política de contratación de persoal en concorrencia competitiva, aberta, transparente e baseada en méritos (OTM-R), que permita a contratación de maneira estable fomentando o carácter indefinido de contratos tal como esixe o novo Real Decreto-lei 32/2021 de 28 de decembro. Todo isto nun marco no que a ética na investigación, un dos piares da RRI, propón a elaboración dun Código Ético e un Manual de Boas Prácticas na Investigación na UVIGO, que entronca directamente co noso regulamento do Comité de Ética na Investigación CETIC e os 3 comités que del se derivan (CEISHMA, CEA/OH e CXRB). Facilitarémoslle ó persoal investigador normas para a recollida e custodia dos datos, difusión de resultados, actividades de avaliación e revisión que terá como finalidade a mellora da calidade da investigación en todos os ámbitos, o establecemento de mecanismos para garantir a honestidade e o rigor na investigación.

Outro xeito de incentivar o PDI para a consecución de proxectos e contratos de I+D+i é recompensar a actividade investigadora e de transferencia de excelencia, ademais de coa avaliación da produción, antes mencionada, e co recoñecemento destas tarefas mediante a consideración como recoñecementos docentes, coa posibilidade de reverter unha porcentaxe dos custos indirectos xerados en proxectos de investigación como xa se viña facendo tanto co pagamento das patentes ou cos bonus dos servizos dos centros de apoio á investigación (CACTI, CINBIO, ECIMAT, CITI, etc.). 

Tamén se continuará co impulso á renovación das infraestruturas, tanto no marco de convocatorias competitivas do plan nacional, como a través dos convenios coa Xunta de Galicia. Seguiremos apostando por un uso centralizado das mesmas, localizándoas nos centros e institutos de investigación ou nos centros de apoio á investigación. E seguirase dando apoio ás que teñen os grupos no marco das axudas de reparación de equipamento científico, hoxe extensivas a calquera grupo de investigación.

A universidade debe, ademais, xogar un papel relevante no desenvolvemento cultural, económico e social de Galicia, sendo un referente para a sociedade na que se insire e absolutamente vencellada ó tecido industrial do país e da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Propoñemos promocionar e xestionar a relación entre a Universidade de Vigo, os organismos públicos de investigación, centros tecnolóxicos e mundo empresarial no ámbito investigador e tecnolóxico impulsando o traballo desde a OTRI, e difundindo os seus resultados. Isto farase en colaboración coa Vicerreitoría de Relacións coa Empresa a través de xornadas de transferencia con periodicidade mensual, como o programa “os venres de transferencia” e coa realización de catálogos virtuais das principais liñas e aportacións que se poden facer desde os grupos e desde os centros de investigación. Continuarase ademais impulsando os doutoramentos industriais, os programas de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico, a constitución de spin-offs e a promoción e comercialización de resultados. 

Continuarase tamén, como se viña facendo no marco da UCC-i, en colaboración coa Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais, coa difusión e comunicación social da ciencia á sociedade como unha das principais liñas de actuación da Universidade para achegar a ciencia á  cidadanía e establecer vínculos de colaboración estable con outras entidades no eido da cultura científica, apoiando o persoal da universidade que quere involucrarse nestas iniciativas. Contemplarase concorrer a convocatorias de axudas para a difusión das actividades científicas (semana da Ciencia, noite europea dos investigadores, etc.) e premios de difusión da investigación. 

Comentarios