Saltar ao contido principal

PAS

☝Na etapa que rematamos, cumprimos unha parte das expectativas en relación ó persoal de administración e servizos. Avanzamos na funcionarización do PAS laboral e tamén se recoñeceron dereitos que estaban perdidos. E fomos quen, goberno e representación das persoas traballadoras, de establecer negociacións chegando a importantes acordos que pensamos que melloran tanto a vida das persoas como o propio funcionamento da universidade.

Quedounos, por contra, unha materia pendente: a reformulación completa da RPT. Propuñamos  no programa de goberno co que nos presentamos ás eleccións, unha negociación a través de comisións do Claustro. Efectivamente, puxémolas en marcha, cunha primeira dedicada á reformulación das tarefas de organización da administración da investigación, pero non se avanzou. Daquela, neste programa, propoñemos unha vía alternativa. Nos primeiros meses de mandato farase un estudio de procedementos administrativos e de carga de traballo e logo o equipo de goberno comprométese a negociar e presentar unha reformulación da Relación de Postos de Traballo que mellore a administración, modernizándoa e tendo en mente que moitos procedementos teñen que automatizarse e que é precisa unha remodelación dos apoios informáticos ás distintas tarefas.

Cando se comparan os datos de diferentes universidades, comprobamos que o noso cadro de persoal ten necesidade de máis efectivos. Dado que o novo plan de financiamento é máis xeneroso có anterior, precisamos, unha vez establecido o cadro ideal de PAS, irnos achegando ó mesmo cun incremento nas contratacións que deberá ocorrer ó longo dos catro anos do vindeiro mandato.

Podemos poñer como exemplo, aínda que obviamente non existe aínda unha proposta nin sequera provisoria de nova RPT, algunhas ideas que manexaremos nas mesas de negociación sobre a nova RPT de PAS funcionario:

- Reordenación das áreas de servizo á investigación, cunha descentralización nos centros pero evitando redundancias; reordenación dos cadros de persoal xuntando persoal das áreas económica e de apoio á docencia e á investigación

- Mellora de servizo aos departamentos, un dos grandes prexudicados na anterior RPT

- Reforzo do cadro de persoal nos campus de Ourense e de Pontevedra

- Creación de novos servizos. Pódense poñer como exemplo as novas necesidades en biblioteca relacionadas coas novas formas de aprender e de investigar, convertendo de novo á biblioteca no centro do labor universitario.

Efectivamente, será preciso reordenar servizos existentes, pero tamén crear algúns novos, que cubran necesidades novidosas ou fagan que o noso persoal traballe con maior efectividade e eficiencia.

En todo caso, cabe subliñar, unha vez máis que as nosas propostas serán debatidas nas correspondentes mesas de negociación e nos órganos de goberno.


Comentarios

  1. No programa, no apartado do PDI proponse a creación de estímulos para a xubilación anticipada. Boto en falta a mesma proposta no apartado do PAS. A situación é similar. Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Mónica Valderrama25 de abril de 2022, 01:54

    Según está a explicar Pachi Reigosa nas visitas destes días o que se propón para PDI é o xa se fai ma actualidade para PAS.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario