Manuel Joaquín Reigosa Roger
Profesor da Universidade de Vigo desde a súa creación en 1990, é licenciado en Bioloxía e en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, onde obtivo tamén o título de doutor en Bioloxía. Catedrático de Universidade de Fisioloxía Vexetal, participou con asiduidade en órganos de goberno. Cómpre destacar o seu traballo nas tres comisións de estatutos, incluíndo a constituínte.
Como responsabilidades de goberno, foi secretario do Colexio Universitario de Vigo, director da Oficina de I+D, adxunto ao vicerreitor de Investigación, dúas veces decano da Facultade de Ciencias de Vigo (hoxe escindida en tres facultades), director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo e vicerreitor de Investigación.
Manuel Reigosa tamén coordinou un mestrado (Ecosistemas Terrestres) e presidiu a comisión académica dun programa de doutoramento, que no seu día acadou a mención cara á excelencia.
É autor de máis de 100 artigos de investigación e editor de cinco libros para editoriais como Kluwer ou Springer, entre outras. Con seis sexenios investigadores e seis quinquenios docentes recoñecidos, na actualidade está volcado no traballo editorial, incluíndo o traballo como editor xefe de dúas revistas JCR (Thalassas e Allelopathy Journal) e a participación como editor asociado noutras tres (PLOS ONE, Acta Physiologia Plantarum e Weed Biology and Management).
Comentarios
Publicar un comentario