Saltar ao contido principal

Infraestruturas

☝Ademais de continuar coa nosa aposta decidida pola filosofía dunha universidade sostible e eficiente, un dos obxectivos do vindeiro mandato, coa volta á normalidade, ten que ser a recuperación da vida universitaria, presencial e con actividades múltiples de lecer e formativas. Daquela, farase preciso dispor de novos espazos ó aire libre de uso común e participativos. Pero ademais, a implantación de novas titulacións, que se intensificará coa próxima apertura do novo mapa, fai necesario un investimento en edificios que sexan útiles, confortables e funcionais, que permitirán mellorar a vida das persoas da comunidade universitaria.

Con estes obxectivos en mente, as actuacións no ámbito das infraestruturas poden organizarse en catro eixos principais:

Edificios e eficiencia

Pretendemos pór en marcha un plan de renovación de infraestruturas nos centros que permita o desenvolvemento de actividades en espazos modernos e adaptados ás diferentes necesidades docentes e investigadoras, como pode ser a creación de espazos multidisciplinares de co-working. Dentro de este plan manteremos e melloraremos a programación interanual de reformas nos edificios de maior antigüidade e uso para actualizar os seus espazos comúns, incluíndo aseos dos aularios, reparacións de cubertas, climatización, illamento térmico e medidas de accesibilidade.

Manteremos o impulso de Smart Campus, controlando mediante dispositivos intelixentes o consumo enerxético dos nosos edificios e instalando xeradores de enerxía renovables.

Propoñeremos a modificación do actual plan urbanístico especial do campus de Vigo, incluíndo novas tipoloxías e/ou intensidades de edificación máis eficientes.

Diversidade funcional

A nosa universidade aspira a ser un referente social en solidariedade e inclusión, e esta é unha das dimensións marcadas no noso plan estratéxico. A atención á diversidade afecta a tódolos membros da comunidade universitaria, aínda que está orientada, de xeito moi singular, ó estudantado que presenta algunha capacidade ou funcionalidade diversa, sexa física, sensorial, intelectual ou psíquica. 

Daquela, realizaranse accións de mellora da mobilidade nos edificios e nos campus, mellorando a accesibilidade universal nos aspectos arquitectónicos, por exemplo dotando de automatismos para apertura automática nos accesos ás diferentes instalacións, mellorando a accesibilidade das aulas, garantindo espazos adaptados para persoas que usen cadeiras de rodas ou teñan outras necesidades para a súa mobilidade; tarimas adaptadas, que posibiliten a docencia de persoas con mobilidade reducida; etiquetado de aulas e despachos en Braille e, por suposto, eliminación de barreiras arquitectónicas que limiten o acceso de persoas con discapacidade aos diferentes servizos. Asemade, realizaranse esforzos para mellorar a accesibilidade na páxina web, carteleiras e sinalética.

Mobilidade

Negociarase coas administracións competentes, no caso do campus de As Lagoas, a busca de solucións para unha comunicación directa desde as vías de alta capacidade que rodean o campus. Neste campus, promoverase a cesión ó Concello das vías de circunvalación e programarase a reparación das vías públicas.

Novas infraestruturas docentes e investigadoras

Axiña vai comezar a negociación coa Xunta de Galicia sobre o plan plurianual de infraestruturas das tres universidades públicas galegas, e a nosa aposta e compromiso son claros. En primeiro lugar, pensamos que é urxente a construción dun edificio que albergue a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo en Ourense. Trátase dun centro moi importante, que ten espalladas as súas actividades docentes e investigadoras por diferentes espazos no campus de Ourense. Xa hai un estudo de necesidades, e o noso compromiso é sacar a concurso o proxecto arquitectónico en menos de un ano.

A segunda prioridade é a construción, mediante módulos que poderán ser ampliables no futuro, dun edificio en Pontevedra, na parcela de Tafisa cedida polo Concello, para albergar as novas Facultades do campus: Facultade de Deseño e Facultade de Dirección e Xestión Pública. Neste momento as titulacións da segunda impártense na Facultade de Comunicación e, aínda que non é tan urxente como o caso anterior, si que precisamos que se faga visible o antes posible. No caso da nova Facultade de Deseño, está previsto o inicio de actividades no edificio Benito Corbal, pero esta é unha solución temporal. Tamén está en estudo a construción dun módulo para Belas Artes, a fin de que os laboratorios que precisan máis espazo, podan ter acubillo na devandita parcela.

A seguinte aposta ten que ver co centro de investigación atlanTTic. Neste momento contamos con catro centros de investigación, tres deles xa teñen recoñecemento da Consellería como centros de calidade, sendo atlanTTic un deles, e o único que non ten edificio propio. Acabamos de aprobar unha nova entrada nos espazos asignados ó centro dentro da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que permitirán unha visibilización maior do mesmo, pero pensamos que é prioritaria a construción dun módulo, probablemente xunto ó espazo que agora ocupa atlanTTic., que permita reordenar os espazos e facelo aínda máis competitivo.

Unha cuarta prioridade ten que ver coa docencia e a investigación no eido mariño. Amosamos unha vez máis o noso compromiso por situar o Centro de Investigación Mariña (CIM, outro dos centros de investigación recoñecidos pola Xunta de Galicia) nas instalacións da antiga ETEA, preto do mar e das instalacións de investigación mariña do CSIC. Ademais tamén estamos comprometidos para poder situar alí, despois da petición da Facultade de Ciencias do Mar, os estudos de grao e de posgrao desta facultade. E este compromiso esténdese aos mestrados de Bioloxía Mariña e de Acuicultura, tralo pedimento da Facultade de Bioloxía. Se o conseguimos, conformaremos un mini-campus das ciencias mariñas, que amosará toda a potencia docente, de investigación e de transferencia da nosa universidade neste ámbito. Neste momento estamos rematando as negociacións, e temos boas perspectivas na cesión do edificio Siemens, mentres que seguimos á espera do que decidan as autoridades sobre o Morse e a Enfermaría.

Comentarios

  1. No Campus de Ourense arrastramos un déficit de infraestructuras culturais que empeorou coa pandemia xa que o único espazo dispoñible, a Sala Emilia Pardo Bazán no edificio de Facultades reconvertiuse para docencia e non foi recuperada para o seu fin cultural. A aula de teatro, cunha traxectoria de máis de 30 anos, ten que ensaiar de prestado en espazos da residencia universitaria en condicións pouco favorables. Propoño un acordo coa residencia universitaria para a adecuación de espazos existentes para o uso cultural: obradoiros, ensaios da aula de teatro, da aula de danza e da aula de música tradicional. Propoño tamén que se contemple, nas novas infraestructuras docentes, a posibilidade de espazos comúns susceptibles de acoller exposicións de carácter divulgativo e xenérico. Non resulta difícil, basta con pensar en paredes e muros onde se podan colgar cousas. En Redeiras, por exemplo, o espazo expositivo ten paredes de madeira, incompatibles ao meu modo de ver...Propoño, por último, pensar nun auditorio ao aire libre de pequeno formato que serviría para fomentar a vida cultural da comunidade universitaria, obxectivo que aparece no programa, no apartado de estudantes. O campus de Ourense préstase para o auditorio en calquera das súas 2 zonas.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Mónica Valderrama Santome25 de abril de 2022, 01:51

    Esperamos que poida manifestar as súas inquedanzas e propostas nos encontros co candidato nestas semanas de campaña. Estaremos en todos os centros e tamén no formato #QuendaAberta que pode seguir de xeito virtual en campus remoto ou na canle de Instagram en caso de no poder acudir presencialmente.
    Por suposto recollemos as súas achegas. Un saúdo.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario