Saltar ao contido principal

Igualdade de oportunidades


OBXECTIVO 1.
ELABORACION E POSTA EN MARCHA DUN "PLAN CONCILIA" PARA PDI, PAS e ALUMNADO.

Compromisos:
·       Impulsar un PLAN CONCILIA integral para toda a comunidade universitaria e que sirva de reflexo para a sociedade.
·       Impulsar un regulamento para compatibilizar o coidado coa produción científica, os estudos e as tarefas administrativas e dos servizos.
·       Estudar a viabilidade da posta en marcha dun programa voluntario que contemplaría unha redución da carga docente tras a incorporación ao traballo despois do nacemento da filla ou fillo.
·       Impulsar programas de conciliación centrados na atención á infancia e adolescencia e programas de atención á dependencia. Ampliar o Campus Camp a maiores de 13 anos e estudar a viabilidade de programas de atención á dependencia (programas de respiro familiar).
·       Incorporar en todas as convocatorias da universidade unha compensación temporal nos méritos curriculares, equivalente, ou maior, á baixa por maternidade/paternidade, do mesmo xeito que se inclúe nos complementos de excelencia da Xunta ou nalgunhas convocatorias do Ministerio de Educación.
·       Implementar de maneira efectiva os Plans de Igualdade da Universidade nos POD: elección de horarios docentes para facilitar conciliación, redución de horas lectivas a persoas con dependentes ao seu cargo...
·       Pór en marcha medidas de conciliación da vida e o traballo contidas na negociación colectiva, e promover tamén a corresponsabilidade entre mulleres e homes nos coidados.
·       Implementar medidas para lograr cotas paritarias nos cargos de xestión, así como nos demais aspectos académicos, para mellorar e incentivar a participación das mulleres nos órganos de representación da universidade.

OBXECTIVO 2.
REFORZAMENTO DA UNIDADE DE IGUALDADE.

Compromisos:
·       Crear comisións de Igualdade por Campus, nas que estarían representados todos os colectivos (PDI, PAS, alumnado), con recoñecemento do labor realizado.
·       Organizar unidades de igualdade por vicerreitoría e centro.
·       Dotar unha nova liña de financiamento para a elaboración de informes á que poderán postularse os equipos de investigación da universidade en estudos de Igualdade e inclusión de forma individual ou de forma coordinada e interdisciplinaria, e que permitan acadar un coñecemento máis axeitado da realidade para que o Goberno da universidade tome as decisións máis axeitadas neste ámbito.
·       No ámbito da atención á diversidade, ademais da eliminación das barreiras arquitectónicas, abordará a eliminación das barreiras didácticas e de comunicación que poidan supoñer un atranco para os membros da comunidade con necesidades especiais.
·       Potenciar as unidades e servizos de atención á diversidade e a conexión cos axentes sociais que participen nesta tarefa de integración.

OBXECTIVO 3.
IGUALDADE DE OPORTUNIDADES PARA A COMUNIDADE UNIVERSITARIA.

Compromisos:
·       Impulsar medidas dentro da Unidade de Igualdade que axuden aos estudantes e persoal cando concorran circunstancias especiais no ámbito social, familiar e persoal.
·       Aplicación efectiva dos procedementos de investigación e sanción dos protocolos contra todo tipo de violencias e a asignación dun maior volume de recursos a actividades de sensibilización e prevención das violencias.
·       Organización de formación presencial online obrigatoria para todo o persoal de novo ingreso sobre igualdade e inclusión, así como unhas xornadas de acollida a estudantes de primeiro curso de grao, mestrado e doutoramento.

OBXECTIVO 4.
RECUPERACIÓN DA "CÁTEDRA DE ESTUDOS FEMINISTAS".

Compromisos:

·       Levar a cabo todas as xestións necesarias para recuperar na Universidade de Vigo a Cátedra de Estudos Feministas.
·       Dotar esta cátedra dun carácter interdisciplinario e intercentros, orientando a súa actividade a xerar coñecemento e a impulsar investigacións neste ámbito.
·       Reverter os resultados obtidos na propia universidade en forma de cursos, seminarios, talleres ou mestrados.
·       Outorgarlle as competencias necesarias para que funcione como un Observatorio de Xénero con capacidade para denunciar os nesgos implícitos de xénero que discriminan ás mulleres na percepción de méritos nos procesos de avaliación, acreditación, selección e promoción, na revisión e aceptación de artigos, na avaliación de proxectos de investigación e incluso no volume de citas recibidas por traballos académicos.

·       Estudar a creación dun mestrado oficial intercentros e interCampus, que permita garantir un espazo de formación especializado en estudos de xénero e feministas para o alumnado.
x

Comentarios