Saltar ao contido principal

Gobernanza: bo goberno e transparencia

☝ Propoñemos un sistema de goberno da universidade que resolva os problemas de xestión e académicos a través de lóxicas cooperativas de traballo en equipo entre PAS, PDI e estudantado coa finalidade de termos unha universidade pública máis profesional, inclusiva, ética e corresponsable coa contorna.

Resolveremos os problemas dun xeito compartido, corresponsable e focalizado nas persoas e nos procesos orientados a resultados.

Para estes propósitos e para a toma de decisión definiremos distintas comunidades de persoal académico e de xestión, para outorgar á gobernanza unha dimensión pragmática baseada en evidencias e monitoreada polo conxunto da comunidade universitaria, fundamentando  procesos de transparencia e rendición de contas efectivas.

En canto ós órganos de goberno e representación, pretendemos seguir revitalizando o Claustro e os Consellos de Campus, para que a opinión da comunidade universitaria sexa tida en conta e para que máis e máis persoas se involucren nas decisións e no goberno. E, por suposto, como xa fixemos, pretendemos que haxa os máximos consensos posibles na toma de decisións. Así que, de acadar a confianza da comunidade universitaria, seguiremos negociando e acordando posturas comúns tanto nas mesas de negociación de PDI e PAS coma nos órganos de goberno, moi especialmente no Consello de Goberno e nas súas comisións delegadas.

Por outra parte, os cambios lexislativos iniciados coa Reforma Laboral, e que terán continuación nos próximos meses coa nova Lei da Ciencia e, posiblemente, unha nova lei de Universidades (LOSU) van supoñer a necesidade de modificacións relevantes a nivel regulamentario, incluída unha modificación dos Estatutos. Esta situación supón unha oportunidade que pretendemos aproveitar para consensuar unha modernización do noso marco normativo, avanzando cara a un modelo de universidade máis igualitario, sostible, transparente e participativo.

Neste momento, a Universidade de Vigo ocupa lugares de moita relevancia nas clasificacións de transparencia, estando entre os postos 1 e 3 habitualmente. Comprometémonos a que a información estea facilmente dispoñible a través das canles oficiais, pero que tamén lles chegue ás persoas destinatarias en canto sexa posible. Precisamos unha mellor comunicación e asegurar en todo momento a trazabilidade do proceso de toma de decisións.

Comprometémonos a impulsar a administración electrónica. E a utilizar a información que xa posúa a universidade, evitando redundancias e traballo estéril das persoas que se dirixen á institución.


Comentarios