Saltar ao contido principal

Estudantado

☝Dado que o papel senlleiro da universidade é a formación superior do noso estudantado, é obvio que debemos continuar mellorando a docencia no grao, no mestrado, no doutoramento e na formación permanente, incluíndo o programa de maiores, tal como se recolle no apartado de docencia deste programa. Na etapa recente, fomos quen de avanzar na regulamentación, se ben aínda quedan algunhas normativas por finalizar. 

Precisamos que a experiencia do noso estudantado mellore en todos os aspectos e sinta a Universidade de Vigo como propia. Para iso xogarán un papel moi importante as asociacións de todo tipo, como elemento fundamental para revitalizar a vida nos campus tras a pandemia, polo que precisamos ser capaces de atender as súas necesidades no referente a espazos ou programas de apoio. A experiencia do paso pola universidade precisa tamén incluír aspectos relacionados coas actividades deportivas, culturais, foros de debate, emprego e emprendemento, participación no voluntariado, e todo tipo de cuestións incluídas de xeito xenérico na extensión universitaria. A nosa posición (en infraestruturas, en capacidades) é moi boa para artellar unha oferta que enriqueza a experiencia universitaria. Con todo, precisaremos dispor nos tres campus de máis locais que faciliten o traballo das asociacións.

E pensamos que este tipo de extensión debe abranguer a todo o estudantado, desde o que entra en primeiro de grao ata os cursos do PUM, pasando por toda a formación estándar e tamén pola formación ó longo de toda a vida. Cando se modifiquen os Estatutos, pola previsible entrada en vigor da LOSU, daráselle o oportuno recoñecemento ó estudantado do PUM, que son estudantes de pleno dereito da universidade.

No mandato que remata xa iniciamos a experiencia alumni, que pretendemos desenvolver para facer unha oferta atractiva ó longo de toda a vida para as/os nosas/os egresadas/os, e que formen parte para sempre da Universidade de Vigo. Unha vez posta en marcha a comunidade alumni, propoñemos facer un programa de participación na vida universitaria e de formación ó longo de toda a vida. Porque os/as ex-alumnos/as seguen sendo UVigo!

Comentarios