Saltar ao contido principal

Docencia

☝A dignificación do labor docente foi sempre un dos nosos sinais de identidade. O labor docente na educación superior constitúe a única tarefa exclusiva das universidades, polo que debemos ter especial coidado e agarimo con esta, tendo en conta ademais a responsabilidade que supón de cara a conformar a sociedade futura. E un dos piares dunha actividade docente de calidade é a adopción dunha carga docente máxima que permita dispoñer de tempo suficiente para preparar ben as clases e non descoidar o resto de actividades do PDI. Neste sentido, sempre defendemos a recuperación da situación previa ó nefasto decreto Wert e a crise económica. Así, cumprimos o compromiso de baixar de 320 a 280 horas a dedicación docente máxima no primeiro POD, pero incluso fomos máis alá, na medida na que as dispoñibilidades orzamentarias e de masa salarial o permitiron, e xa no próximo curso académico darase un paso adicional, baixando a 270 horas, o cal marca o inicio dunha senda de descenso progresivo a razón de 10 horas por ano, ata que o límite máximo sexan esas 240 horas, o que estimamos que se producirá no POD 24/25. 

Por suposto, manteremos o resto de niveis de dedicación como ata agora, despois dos axustes feitos durante estes anos e que supuxeron, por exemplo, que eses niveis sexan independentes da categoría (catedrático, titular ou contratado doutor). Pero ademais, queremos incidir na senda tamén iniciada de recoñecementos docentes adicionais relacionados con actividades investigadoras e de transferencia de excelencia que supoñan unha carga de traballo importante, como é a dirección de proxectos, tal e como se recolle na proposta que aparece no apartado de investigación, transferencia e innovación deste documento.

Debemos seguir traballando para que a oferta formativa da Universidade de Vigo manteña o seu atractivo para o estudantado, só así seremos competitivos nun escenario de poboación minguante no intervalo dos 18 a 25 anos. Neste sentido, debemos ser quen de aproveitar ó máximo as posibilidades que abre a negociación do novo mapa de titulacións no Sistema Universitario de Galicia para o período 2022-2026, no que polo de agora obtivemos as titulacións de grao e máster en Intelixencia Artificial para o campus de Ourense, ademais de participar en todas as propostas de másteres universitarios definidos pola Xunta de Galicia dentro do estudo G2030. O noso obxectivo é rematar a negociación conseguindo novos graos que complementen e completen a oferta actual dos tres campus.

Pero o atractivo dos estudos non pasa soamente por dispoñer dun conxunto de titulacións axeitado, senón que debemos avanzar en aspectos como a renovación pedagóxica e a innovación docente. Demostramos que somos quen de facelo adoptando nun tempo récord as metodoloxías e ferramentas tecnolóxicas necesarias para impartir clase durante o confinamento consecuencia da Covid-19. Unha vez que esta etapa parece, finalmente, superada, sen perder a perspectiva de que a nosa é unha universidade presencial, precisamos incrementar as ferramentas pedagóxicas a disposición do noso persoal docente. Propoñeremos un plan piloto de experiencias relacionadas coa renovación pedagóxica e a innovación docente, que será competitivo e aberto ós cinco ámbitos de coñecemento.

Aínda que, como acabamos de indicar, seguiremos sendo unha universidade presencial, deberiamos poder aproveitar todo o que aprendemos durante a pandemia para poder chegar, especialmente a través da formación ó longo de toda a vida, a máis estudantes e en máis latitudes. Neste sentido, aínda que xa dispoñemos de plataformas tecnolóxicas que nos permiten impartir clases maxistrais con todas as garantías de calidade, é preciso avanzar na virtualización da docencia práctica. Así, poñeremos en marcha unha plataforma orientada á creación de laboratorios virtuais e experiencias inmersivas que permitan unha docencia práctica de calidade a distancia.

Un terceiro eixe de mellora da nosa oferta académica consiste en aproveitar as posibilidades que abre o novo Real Decreto que regula as ensinanzas universitarias, recentemente aprobado. Así, os itinerarios académicos abertos, as mencións de formación dual, as dobres titulacións ou os programas académicos con percorridos sucesivos constitúen elementos que, ben utilizados, permitirán flexibilizar, diversificar e adecuar a oferta ás demandas do estudantado e da sociedade. Pretendemos apostar decididamente pola utilización destas posibilidades, xunto con outras que pretendemos definir, como son as titulacións propias simultáneas coas ensinanzas oficiais ou as ensinanzas transversais a varias titulacións, para configurar a nosa futura oferta formativa a nivel oficial. Propoñeremos ós centros e ós campus a implantación destas modalidades de estudos, sempre buscando a excelencia e a atracción de talento.

No referente á formación ó longo da vida, a nosa aposta é clara, tal como demostramos coa creación da Escola Aberta de Formación Permanente e a modernización normativa acometida no referente ós estudos propios. O seguinte paso consistirá na configuración dunha oferta anual de títulos atractiva e que atenda ás demandas da sociedade, tanto desde o punto de vista de formación a nivel laboral e profesional, como cultural e social. Dentro dese apartado da formación permanente continuaremos tamén coa nosa aposta decidida polo Programa Universitario de Maiores tras o cambio de plan de estudos recentemente abordado e a adscrición a sedes permanentes nos tres campus. No vindeiro mandato propoñemos expandir a formación a outras sedes no rural que acheguen este programa a toda persoa que queira seguilo.

Comentarios