Saltar ao contido principal

Claves para outra forma de facer Universidade

Neste documento vos querémosvos presentar o noso programa de goberno para a Universidade de Vigo, serio, fiable e crible, de cara ao noso obxectivo xeral de acadar a excelencia. De pouco ou de nada serve presentar unha suma de ideas de deseño que non vaian afianzadas por unha serie de compromisos concretos, realistas e asumibles. As nosas propostas foron reflexionadas desde diferentes sensibilidades e puntos de vista, incluíndo tamén, e particularmente, a súa viabilidade económica.
Neste senso, un compoñente esencial do proxecto que presentamos neste programa será a racionalización do gasto e a utilización óptima de recursos, para asegurar a suficiencia financeira da nosa institución. A racionalización do gasto debe ser un principio clave de calquera goberno, pero ao mesmo tempo as medidas que propoñamos deberán ser xustificadas e explicadas de forma transparente e aberta.
Non esquezamos que vén de asinarse entre goberno e sindicatos o segundo acordo para a mellora do emprego público e das condicións de traballo, que pode ser un importante instrumento de traballo para desenvolver as nosas propostas. En primeiro lugar, porque pretende impulsar o diálogo social, e na nosa Administración pretendemos construír un futuro máis baseado no debate que na imposición. En segundo lugar, porque o acordo inclúe medidas para a mellora do emprego e das condicións de traballo, que permitirán reducir a temporalidade, que debe quedar nun máximo do 8%. Este obxectivo, desexable e posible, e bo para as/os traballadoras/es da nosa institución.
Aínda que non está claro cal vai ser a taxa de reposición, ábrese a porta a dispor de máis do 100% da mesma, e a que non se inclúan nela os procesos de promoción interna, de modo xeneralizado. Na parte orgánica do acordo permítese tamén dispoñer dunha porcentaxe adicional da masa salarial para poñer en marcha plans de mellora da produtividade ou eficiencia, a revisión de complementos específicos entre postos con funcións equiparables e a homologación de complementos de destino, entre outras medidas. É dicir, abre as posibilidades de abordar as homologacións e funcionarizacións pendentes.
Cómpre subliñar que nós traballamos con estimacións, xa que moita da información necesaria para realizar os cálculos pertinentes non está dispoñible publicamente, polo que consideramos tamén que na Universidade de Vigo é preciso facer un esforzo adicional de transparencia ante a nosa propia comunidade e a sociedade en xeral. Non se entende ben que a nosa institución presuma de transparencia, mentres se mantén case como "segredo de Estado" documentación tan relevante como pode ser a relativa aos POD. Vaia por diante o noso compromiso de que toda a información relacionada co persoal e a organización docente sexa publicamente accesible, coas únicas limitacións impostas pola normativa de protección de datos.
Porén, e aínda sendo coñecedores das dificultades que ten a tarefa, un grupo de persoas da nosa universidade queremos propoñervos cambios que sirvan para mudar a situación actual e preparar a Universidade de Vigo de mediados do século XXI. Sabemos que os mellores activos da nosa institución son todas as PERSOAS que forman a comunidade universitaria. Xa que logo, cumprir calquera obxectivo que nos marquemos como universidade pasa por contar e pór en primeiro plano o noso estudantado, o noso PDI e o noso PAS.
Por outra banda, é preciso ocuparse polo miúdo das funcións que nos corresponden, como son a docencia, a investigación, a transferencia e a xestión, tamén nas súas relacións coa sociedade e no contorno da súa internacionalización. E non podemos esquecer que tales funcións se desenvolven nun entorno concreto de servizos e espazos á nosa disposición e á das persoas usuarias dos mesmos no triplo marco que supón a coexistencia de tres campus distintos, enriquecidos polas súas peculiaridades e diferenzas. Por tanto, as nosas persoas, as nosas funcións e os nosos campus constitúen os eixes fundamentais das vindeiras reflexións.

I.              PERSOAS.

A.            Alumnado.

No que atinxe ás PERSOAS, que van sempre en primeiro lugar, aspiramos a dar a mellor formación universitaria ao noso estudantado. O Plan “Bolonia”, á marxe das controversias suscitadas, supuxo un cambio na formulación do concepto de docencia universitaria: dar unha formación máis individualizada, máis titorizada, en definitiva, unha formación que pensa nas persoas. Queremos tamén que as/os egresadas/os sexan as/os mellores embaixadores da nosa universidade, o que pasa por rematar coa actual desafección do noso estudantado respecto da súa Universidade, conseguindo que se involucren en todas as facetas da vida universitaria.
Para nos, o alumnado é máis que unha suma de estudantes. Queremos axudarlles a concretar o seu proxecto de vida, porque cada persoa é única. Poremos en marcha un "Plan de Apoio Integral ao Alumnado". A formación que están a recibir, baseada unicamente na transmisión de información, queda incompleta, carente de valores. As mellores universidades seguen o modelo de formación integral da persoa; isto é, achegan non só un conxunto de coñecementos, senón tamén de habilidades, destrezas, actitudes e valores que lle permiten ao estudantado inserirse na sociedade actual, e que supoñen unha formación para toda a vida.
Poremos en marcha un Plan de Atención Integral para todo o alumnado que cubra as áreas psicoafectivas, cognitivas e sociais. Unha atención específica para cada unha das etapas en que se atopen na Universidade. Un acompañamento ao longo dos seus estudos, en cuestións relacionadas con: actividades físico-deportivas, ambientais, afectivo-sexuais, nutrición e cociña saudable, titorías entre pares, ética e responsabilidade social, igualdade de xénero, hábitos e técnicas de estudo, voluntariado, conciliación familiar, prácticas internacionais, traballo colaborativo e emprendemento. Un plan que os preparará mellor para a súa incorporación consciente, respectuosa, activa, crítica e transformadora nunha sociedade en veloz cambio.
Ademais, cremos que unha universidade pública de calidade debe estar soportada polo esforzo conxunto de toda a sociedade, independentemente do pagamento das taxas. Defendemos que o acceso aos mestrados (especialmente aos de carácter profesionalizante) non sexa restritivo por cuestións económicas, así como a conxelación das taxas de grao e o achegamento dos prezos públicos do mestrado aos do grao.
En suma, como resultado das nosas accións e propostas para o noso alumnado, pretendemos atraer máis estudantes en Galicia, norte de Portugal, Brasil e países de fala castelá, posibilitando tamén cursos completos en inglés para atraer estudantes europeos ou de terceiros países, asemade aproveitando as vantaxes que pode ofrecer a docencia virtual; asegurando e garantindo ao mesmo tempo acceso á universidade e a igualdade de oportunidades. Ademais, somos conscientes de que un alumnado con espírito crítico debe ser partícipe nas decisións sobre o seu futuro académico e profesional, polo que tentaremos mellorar e fomentar a implicación do alumnado na gobernanza universitaria.
Así mesmo, prestarase especial atención ao incremento das relacións coas empresas para mellorar a empregabilidade e facilitar a integración na vida laboral do estudantado. Reforzaremos tamén a atención, asesoramento, comunicación e orientación ao alumnado, así como a súa mobilidade. Non esquecemos que outro punto de interese na sociedade actual son os servizos TIC, que teñen especial incidencia na mocidade. E, finalmente, tentaremos pór en práctica políticas efectivas de fidelización das persoas egresadas da Universidade de Vigo. Velando sempre en conxunto pola conciliación, a igualdade e o benestar en relación co noso alumnado.

B.            PDI e PAS.

Para acadar os nosos obxectivos temos que ser quen de rematar coa actual política, que poderiamos cualificar de obsesiva, de constrinximento absoluto dos cadros de persoal, eliminando as ferramentas cada vez máis complexas definidas para xustificala, e instaurando uns criterios claros, obxectivos, estables, cunha adecuada valoración de todas as actividades e baseados nas necesidades reais, que permitan unha adecuada planificación a medio e longo prazo da política de PDI.
É obvio que temos centros e departamentos con claras necesidades de PDI. Non podemos esquecer a bolsa de profesorado non consolidado existente na nosa universidade, así como as carencias da docencia estrutural cuberta por contratadas/os interinas/os, polo que é precisa e urxente a definición dun plan específico de promoción e estabilización que aborde as situacións. Definiremos o Cadro Teórico de PDI que a universidade necesita, cun horizonte temporal amplo (pretendemos programar a Universidade do futuro, velaí o H2040), o que permitirá identificar e planificar as necesidades de contratación e consolidación a medio prazo, e constituirá, por primeira vez en anos, unha verdadeira política de persoal.
Neste camiño, un aspecto sobre o que debemos reflexionar é o perfil de idades do persoal da nosa universidade. No portal de transparencia da Universidade de Vigo podemos atopar a información por categorías e rangos de idade do noso PDI. O primeiro que convén destacar é que no ano 2016 o 52,47% tiña máis de 50 anos; é dicir, que máis do 50% do persoal actual se xubilará nos vindeiros 15 anos. Debemos ser conscientes de que, co paso do tempo, o maior pulo na investigación e na creatividade dos investigadores vai deixando paso a unha maior experiencia. O ideal sería ser quen de compatibiizar eses aspectos, pero isto só é posible se non existen tales diferenzas por tramos de idade. 
Outro desequilibrio é o número de mulleres cara aos varóns, en termos globais. Na Universidade de Vigo, a 31 de decembro de 2016, só un 27% das mulleres son catedráticas, e un 39% son titulares de universidade. Este desequilibrio se agudiza aínda máis en certos ámbitos. É intención de H2040 corrixir estes desequilibrios, acordes coa política de igualdade e o "Plan Concilia" do noso programa. Polo tanto, os nosos obxectivos proxectan un horizonte de futuro ao 2040, para facer cada día unha universidade máis competitiva e máis igualitaria.
Tampouco esquecemos que a promoción do PDI debe facerse segundo os principios de igualdade, mérito e capacidade, e a recoñecémola como un dereito ligado aos méritos individuais dos candidatos. No sistema actual de promoción do noso PDI non hai nin compromisos temporais nin normas claras que permanezan no tempo. Nós aspiramos a que todas/os as/os profesionais coñezan as regras, e que estas sexan sinxelas e estables ao longo do tempo. Desexamos que o noso PDI atinxa as máximas cotas posibles de recoñecemento e de promoción. Por tanto, é innegociable que a igualdade, o mérito e a capacidade sirvan como garantías na procura da excelencia. Comprometémonos entón a fixar criterios sinxelos, claros e estables de promoción. Tamén á eliminación da bolsa de titulares acreditados a cátedra en 2020, sempre que as restricións legais o permitan e seguindo unha orde baseada na data de acreditación. Asemade, á consolidación dos contratos estruturais en precario (programas da lei da ciencia, Ramón y Cajal e semellantes). Propomos unha lista para o paso a Contratado Doutor e Profesor Titular na que prime a data de acreditación.
O PAS realiza unhas tarefas imprescindibles dentro da organización da universidade, tanto nos apartados económico e administrativo como de apoio e asistencia aos outros dous piares: profesorado e alumnado. Estas funcións deberán basearse nos mesmos criterios de transparencia e calidade que queremos que imperen en toda a nosa universidade. Doutra banda, o PAS desempeña traballos cada vez máis especializados e debería ter unha formación acorde cos requirimentos que se lle solicitan, sobre todo coa introdución das TIC. Todo isto merece unha especial atención por parte desta candidatura. Ademais, en canto á articulación desta política de persoal sobre o PAS, o noso eixe fundamental será a negociación e o diálogo, buscando a promoción e a estabilización deste colectivo, co obxectivo de dispoñer dun modelo de carreira profesional acorde cos tempos.
Neste contexto da política de persoal en xeral, non esquezamos que as “Leyes de Presupuestos Generales del Estado” para os anos 2007, 2008 e 2009 regularon o dereito ao cobro do complemento específico nas 14 pagas para todo o persoal da Administración Pública. Isto supuxo que desde decembro de 2009 todos os empregados públicos do Estado, coa excepción do PDI dalgunhas universidades, incluída a de Vigo, comezaron a cobrar este concepto retributivo nas pagas extras. Na actualidade, o 73% das universidades españolas paga nas pagas extras de xuño e decembro o 100% do complemento específico mensual (compoñente xeral, quinquenio e cargo académico). Por unha razón de xustiza, comezaremos a pagar desde a paga extra de xuño de 2018 o complemento específico íntegro, incluíndo quinquenios e cargo académico.
Pensando sempre primeiro nas persoas, tamén sabemos que a conciliación da vida laboral e familiar pode resultar complicada no ámbito académico. Nun intento de facer posible esa conciliación, poremos en marcha o xa nomeado "Plan Concilia" para PAS e PDI, sen esquecer as peculiaridades do alumnado neste eido, co obxectivo específico de garantir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes nas condicións de convivencia e de traballo da nosa universidade. Este plan promoverá mellores condicións para o coidado da infancia e das persoas dependentes, ademais de promover un regulamento para compatibilizar o coidado coa produción científica, os estudos e as tarefas administrativas e dos servizos.

II.            FUNCIÓNS.

A.            Docencia.

Que poñamos primeiro as persoas non quere dicir que esquezamos as nosas funcións. En relación coa docente, cómpre aquí botar man dun concepto nacido no eido da análise económica internacional, pero susceptible de ser extrapolado a múltiples sectores, sempre que se constate a necesidade de alcanzar tres obxectivos que son imposibles de obter á vez. É o que se coñece coma “Trindade Imposible”. Boa mostra diso é a presión social que padece a docencia universitaria hoxe en día, dado que se pretende como meta o triplo feito de conxugar simultaneamente a) o libre acceso da poboación, b) as mellores taxas de éxito académico, e c) a plena integración laboral das persoas egresadas. Si estamos de acordo en que este é o noso marco de realidade social actual, xa estamos de acordo en moito.
Para conseguirmos superar este dilema, só cabe unha solución que non resulte traumática: actuar directamente sobre o nivel de integración laboral do noso alumnado. Isto implica a mellora da súa competitividade en relación co panorama laboral actual. O cal só parece posible se avanzamos clara e decididamente na procura dunha mellora na calidade da nosa docencia, incrementando o nivel das competencias e das destrezas que adquiren as persoas tituladas na Universidade de Vigo.
Por tanto, nós consideramos a docencia como un dos piares básicos da nosa universidade, e non como un elemento de castigo, nin para o PDI nin para o alumnado. Unha mellora na calidade docente esixe entón minimizar ou, se é posible, eliminar os efectos negativos que o chamado “Decreto Wert” e as restricións de prazas tiveron sobre o cadro de persoal de PDI. En concreto, comprometémonos a que no primeiro POD que realicemos ningún profesor teña asignadas máis de 280 horas de docencia, con progresiva redución nos seguintes POD, e non perdemos de vista o horizonte das 240 horas. Consideramos que redundará nunha maior calidade da docencia e favorecerá a motivación de todo o profesorado. Pódese facer. Mantendo as dedicacións actuais para o resto do profesorado, tería un custo similar ao que supón a actual estrutura de xerencia externa e de altos cargos asesores do Reitor alleos á universidade.
Por tanto, pretendemos dignificar a docencia como merece, con redución das cargas máximas, limitación no número máximo de materias, simplificación do programa Docentia para que sexa útil para a diagnose e a mellora da actividade docente, e melloras nas enquisas de avaliación docente do profesorado. Isto implica racionalizar os cálculos da Programación Docente Anual, planificando a nosa oferta docente dun xeito adecuado, procurando en suma a excelencia na nosa docencia.

B.            Investigación e Transferencia.

A investigación é un dereito e un deber do persoal docente e investigador das universidades. Un xeito de valorar a investigación con criterios obxectivos recoñecidos internacionalmente é considerar a posición da Universidade de Vigo nos rankings internacionais. Aínda que poida existir certa controversia sobre os indicadores que usan, é incuestionable que a mellora nos indicadores que neles se puntúan vai asociada cunha mellora no recoñecemento público internacional da universidade. Nestes últimos anos, a Universidade de Vigo pasou de estar incluída entre as cincocentas primeiras universidades (ARWU 500) a desaparecer desta lista. Non é obxectivo deste programa analizar o porqué desa baixada, senón fomentar a boa investigación, para acadar de novo unha boa posición nos rankings. Entendemos que é preciso definir unha política a medio e longo prazo que permita crear o contorno axeitado para que a nosa universidade mellore no cumprimento dos seus obxectivos como universidade, e que conseguilo non sexa froito da casualidade. Para iso, propoñemos unha serie de obxectivos e programas ou plans de actuación que permitan acadar esta primeira liña.
O Plan de Investigación e Transferencia H2040 será a ferramenta esencial a través da que se desenvolverá a estratexia da Universidade de Vigo nos ámbitos da investigación e transferencia. Con el, apóstase pola investigación de excelencia en todas as áreas do saber como característica primordial, axudando a manter as liñas de investigación de calidade e favorecendo o empuxe naquelas áreas que o requiran, para alcanzar maiores niveis de eficacia no seu labor investigador. Unha das prioridades neste ámbito será a posta en marcha dunha serie de medidas que permitan a consolidación, estabilización e recoñecemento do noso persoal investigador e outras orientadas á captación de talento. Se potenciará o desenvolvemento da internacionalización da nosa investigación e a creación de alianzas e unións estratéxicas que supoñan un pulo renovado á investigación colaborativa con institucións, empresas e outros ámbitos externos á Universidade de Vigo. Propoñemos favorecer as liñas de investigación existentes, así como apoiar novas liñas emerxentes de interese estratéxico para a sociedade e a universidade.
Ademais, un dos recursos que actualmente están utilizando as empresas e universidades consiste en reforzar a súa marca como empregadora, para atraer e captar talento. Con este obxectivo, xenéranse boas expectativas ás futuras persoas empregadas, como resultado da súa percepción, ao formar parte da empresa. Unha adecuada selección do PDI, e particularmente a captación de investigadoras/es novas/os e brillantes, redundará en acadar maiores niveis de excelencia, e de aí mellor financiamento e mellores estudantes. O bo persoal post-doc, ademais de reducir a idade media da universidade, fornece un pulo de enerxía, dinamismo e creatividade aos grupos de investigación e centros que os acollen. Xeralmente, constitúen unha fonte adicional de colaboracións e relacións internacionais ademais de introducir na universidade unha perspectiva enriquecedora. Nunha planificación a longo prazo, deben activarse políticas que incentiven os PDI doutores con vinculacións previas a outras universidades e centros de investigación de excelencia por períodos continuados de tempo.
Desde a súa creación, a Universidade de Vigo apostou por recoller nos seus incentivos propios a aposta por que o PDI produza publicacións de calidade. Nestes momentos hai organismos externos que nos din o que se considera excelencia e o que se vai utilizar para medir a institución no seu conxunto e ao noso profesorado. Debe ser entón obxectivo irrenunciable da Universidade de Vigo acadar as máis altas cotas de excelencia, tanto a nivel individual coma colectivo. Desexamos que os nosos profesores teñan éxito nos sexenios (a ser posible, que alcancen o número máximo de tramos avaliados positivamente) así como nos procesos de avaliación global (acreditación para obter prazas). A nivel colectivo, debemos aspirar a estar entre as mellores universidades do mundo.
En todos os eidos é imprescindible que os baremos que permiten aliñar as políticas institucionais sexan estables no tempo e que, cando cambien, permitan un acomodo progresivo. Certamente, propoñemos que os baremos sufran algúns cambios no primeiro ano de mandato, pero para continuar logo sen variacións importantes durante o resto. O primeiro que temos que ter en conta é que a Universidade de Vigo é unha universidade xeralista, con diversos campos científicos. Cada un deles ten características propias, polo que os indicadores usados na avaliación non sempre poden ser idénticos. Ademais, a realidade en que se atopa cada campo científico na propia universidade é diferente. Polo tanto, as políticas e os incentivos deben ser realistas e axeitados á situación que cada campo concreto posúe na universidade.
Un paso importante como institución sería tamén conseguir que o número de sexenios se incrementase e acadase os máximos posibles dos que potencialmente se puidesen obter. Sería axeitado incentivar a consecución desta meta naquelas áreas e naqueles profesores que non a están a cumprir pero que amosen un interese real por acadala. Sen dúbida, incrementar o número de publicacións científicas en revistas que ocupan as primeiras posicións dos rankings, elevar o número de proxectos obtidos en convocatorias internacionais e nacionais, aumentar a cantidade de patentes en explotación, os contratos de I+D+i asinados con empresas, a publicación en editoriais de prestixio recoñecido internacionalmente…, son aspectos que contribúen claramente a mellorar o recoñecemento internacional da nosa universidade.
Finalmente, en relación coa transferencia, apostaremos por liñas de investigación estratéxicas, propiciando novas fórmulas de colaboración co tecido empresarial. Non debemos esquecer o contorno económico e social en que a nosa universidade está arraigada. A nosa institución atópase radicada no polo industrial de Galicia e, polo tanto, a xeración, a transmisión e a transferencia de coñecemento debe estar enfocada en primeiro lugar a este entorno económico-empresarial que nos rodea. Neste senso deberemos ser, xunto coas empresas e a administración, uno dos motores do desenvolvemento económico e social do noso contorno. Por este motivo o dito “pensa globalmente, actúa localmente” está máis presente que nunca.
Apostaremos decididamente pola creación de spin-off e start-up da universidade e polo incremento de patentes e modelos de utilidade, potenciando os doutoramentos industriais e vinculando os TFG e TFM con necesidades concretas das empresas. Non esqueceremos tampouco a transferencia de coñecemento nos ámbitos das humanidades e das ciencias sociais. E tamén, entroncando xa co núcleo de ideas seguinte, tentaremos  axilizar a xestión de proxectos.

C.             Xestión, Gobernanza e Calidade.

A universidade non se limita a ser parte das administracións públicas, senón tamén unha fonte de ensino superior para futuras/os administradas/os e, nese sentido, ten a obriga moral de estar na vangarda, liderando iniciativas que, entre outras cousas, contribúan a mellorar a cultura dixital da cidadanía. Porén a nosa candidatura constata que, a diferenza das outras dúas universidades presentes no SUG e de moitas outras universidades do resto de España, a Universidade de Vigo non ten ata o de agora unha sede electrónica, polo que a creación da mesma, en particular, así como a implantación da administración dixital, en xeral, supoñen un obxectivo prioritario para poder obter un servizo o máis eficiente posible.
En consecuencia, pretendemos, na medida do posible, desenvurullar o novelo burocrático e aliviar as tarefas nas que estamos inmersas/os para mellorar a satisfacción do noso PDI. E no eido deste obxectivo xeral de simplificación da burocracia, entendemos que a implantación do programa Docentia na Universidade de Vigo foi unha experiencia fallida, polo que non o utilizaremos máis como ferramenta de avaliación no seu formato actual. Acometeremos unha simplificación profunda do mesmo, pero, por riba de todo, un cambio de filosofía, presupoñendo por defecto a competencia e o cumprimento docentes do PDI, así como a súa capacidade de análise dos resultados obtidos.
Asemade, tentaremos evitar todas as rixideces burocráticas que non veñan obrigadas por normativa superior. Pretendemos recuperar FEUGA como unha ferramenta máis ao servizo do persoal investigador, especialmente do que fai transferencia. Pretendemos evitar os requirimentos excesivos de xustificación que non sexan obrigados (como os relativos aos gastos de baixa contía, os relativos á asistencia a congresos, ou as axudas de custo polo traballo de campo, por exemplo). Teremos en conta as implicacións da nova lei de contratos do sector público e tentaremos facer accións coordinadas con outras universidades do Estado neste ámbito. Melloraremos as aplicacións e plataformas informáticas implicadas nos tramites burocráticos.
É obvio que a situación burocrática descrita tamén lle afecta de forma fundamental ao PAS da nosa universidade, polo que debe xogar un papel esencial na súa racionalización. Cremos que se pode asignar de xeito máis eficiente os recursos humanos, repensando a RPT e modificándoa, como debería ser, todos os anos, de xeito que o servizo sexa mellor e que as/os profesionais poidan desenvolver dignamente o seu traballo. Este traballo relativo á RPT pretendemos que sexa negociado, e non imposto, e que supoña tamén unha verdadeira carreira profesional, co establecemento de criterios negociados, estables, transparentes e xustos para a promoción, comisións de servizos, traslados... Proporemos unha reavaliación da RPT, e acordos para unha nova se é preciso, en poucos meses, con inicio das negociacións antes de un ano. Estas medidas deberían tender a aproveitar ao máximo o potencial do noso PAS, apostando claramente pola súa formación continua, mellorando así as súas condicións de traballo para recuperar a motivación.
Tamén cremos que construír unha universidade de futuro só é posible se todas as persoas que a integramos remamos na mesma dirección e co mesmo sentido. De nada serve ter un capitán con "grandes ideas" se os órganos de goberno ou a comunidade universitaria non participan das mesmas e non asumen, por descoñecemento, os obxectivos que as moven. Como consecuencia de non facelo, nos últimos anos estendeuse a comparecencia da Universidade de Vigo ante a xurisdición ordinaria (laboral, contencioso-administrativa, civil ou incluso criminal).
Certamente, as tarefas de goberno non sempre son sinxelas e non se pode agradar a todo o mundo en todas as ocasións. Pero tampouco é aceptable pensar que os conflitos xorden sempre da responsabilidade e da culpa dos demais. Neste sentido, unha boa política para procurar resolver controversias é intentar impedilas antes de que xurdan e se enquisten. Pero isto só é posible desde a base dunha actitude humilde –calidade esencial para un universitario que se teña por tal- que nos permita aprender do que os outros poden dicirnos, o que supón estar disposto a escoitar as suxestións ou solicitudes alleas. Unha negociación amigable, baseada na confianza mutua, debe ser o requisito indispensable para abordar a toma de decisións no marco da xestión de calquera equipo de goberno.
Nesta institución todas e todos somos importantes e, polo tanto, queremos facer do traballo en equipo un eixe fundamental da nosa xestión. É esencial mudar a cultura do enfrontamento en que nos atopamos pola do pacto, rebaixando os litixios, recuperando o papel do Claustro como foro para debater os grandes temas, e convertendo o Consello de Goberno no espazo de diálogo, debate e acordo entre as diferentes sensibilidades universitarias para a toma de decisións, procurando acordos a longo prazo cos distintos grupos e colectivos. É o único xeito de conseguir que as grandes decisións teñan garantía de continuidade no tempo. Tamén contaremos con ferramentas de prevención e resolución propia de conflitos, como a mediación, o uso dos órganos de goberno como lugares de debate e decisión, ou o aproveitamento do Tribunal de Garantías.
Finalmente, ninguén cuestiona hoxe que a garantía de calidade é crucial para axudar ás institucións e sistemas de educación superior a responder aos desafíos que enfrontan no século XXI. Como se indica no preámbulo da Declaración de Ereván, os procedementos de garantía da calidade “xogaron e seguirán xogando un papel importante no desenvolvemento de sistemas nacionais e institucionais para a garantía da calidade do Espazo Europeo de Educación Superior e na cooperación transfronteiriza". Neste sentido, os nosos Estatutos aínda en vigor indican como un dos fins prioritarios da institución "acadar os máis altos niveis de calidade na docencia e na investigación" (art. 2 punto 2), de conformidade co disposto na Lei Orgánica de Universidades (LOU) e cos obxectivos do EEES, onde a garantía de calidade convértese nun dos principais eixes de acción.
Non dubidamos da bondade das funcións e obxectivos propostos ou da importancia que debe corresponder á garantía de calidade no ámbito das institucións que ofrecen servizos públicos, en xeral, e por extensión, na Universidade de Vigo, en particular. Non obstante, unha xestión eficiente da calidade non é unha tarefa sinxela e quizais non se ten abordado da forma máis axeitada nos últimos anos na nosa Universidade. Neste contexto, cremos que moitos factores contribuíron a denigrar (non sen razón) a imaxe da calidade na nosa institución. En relación coa garantía da calidade na Universidade de Vigo, nós propoñemos entendela como un medio para conseguir a excelencia académica, non como un fin en si mesmo, potenciando as súas fortalezas e minimizando as súas debilidades; prestar un apoio firme e decidido ás persoas implicadas nas obrigas que xera a xestión da garantía da calidade; e impulsar e promover unha cultura da calidade dun xeito efectivo entre os membros da comunidade universitaria, especialmente entre o PDI.

D.            Outras funcións

Desde a candidatura H2040 asumimos un profundo compromiso en prol da igualdade e do respecto á diversidade, o que se traduce nunha proposta de estrutura de goberno coa que artellar os pasos necesarios para acadala, dotando a esas estruturas das axencias e os recursos necesarios para garantir o tránsito da nosa institución cara a un espazo de tolerancia cero coa discriminación e a violencia en todas as súas formas. Temos un compromiso claro e decidido para a procura da igualdade real de todas as mulleres e os homes da comunidade.
Asumimos como principio vertebrador desta área a transversalización -maistreaming- tal como propoñen as directrices europeas, o que supón que os retos da igualdade na universidade teñen que transversalizar todos os eidos como son a docencia, investigación, xestión, relacións institucionais, transferencia e comunicación. Os Estatutos da Universidade de Vigo contemplan a igualdade como un dos seus principios inspiradores, que queda tamén reflectido no artigo 6 do seu Plan Estratéxico. Pero as limitacións da Área de Igualdade están na debilidade estrutural e instrumental, por un lado por non ter sido asumida como un claro compromiso político desde os órganos de goberno e pola outra banda por non dispor de suficiente orzamento nin dos recursos humanos necesarios para levar adiante o traballo prescrito para esta área.
Tamén a internacionalización é unha obriga. A nivel do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), os Ministros dos 47 países do proceso de Bolonia acordaron en 2007 unha Estratexia para a Dimensión Exterior do EEES e en 2012 unha Estratexia de Mobilidade 2020. Na Unión Europea, a Comisión aprobou en 2013 unha estratexia de internacionalización para a U.E. En 2015, o Ministerio de Educación Cultura e Deporte publicou un documento titulado “Estrategia para la Internacionalización de las Universidades Españolas” no cal se asentan as bases dos novos plans de internacionalización, que a partir desa data foron elaborando -e ainda están a facer- as diversas universidades do Estado español, coa fin de establecer estratexias de internacionalización nos vindeiros anos ata en torno ao 2020.
Lamentablemente, no caso da Universidade de Vigo non existe un documento específico sobre a internacionalización, pero lévase traballando nos programas e convocatorias da U.E. Non se percibe unha estratexia oficial ben definida, nin a nivel da Universidade de Vigo, nin a nivel das unidades implicadas. E cando se percibe algunha forma de estratexia, se considera que non hai ningunha alienación entre as áreas da Universidade con competencias (xestión económica, xerencia, investigación etc.), de tal xeito que cada unha actúa de acordo con criterios propios.
Finalmente, baixo a batuta da dirección de comunicación dáselles canle aos diferentes soportes existentes: UVigo TV, DUVI, Área de Imaxe ou o Gabinete de Prensa. Co ánimo de coherencia da mensaxe, a estratexia de coordinación é o paraugas que ampara á institución. Todas as áreas deste mapa de territorios por especialidades e persoas de ámbitos distantes borrarán as súas fronteiras grazas a unha nova política de comunicación interna.

III.          OS CAMPUS.

Non esquecemos que esta proposta ten lugar nun contorno especial de convivencia. A nosa estratexia supón tamén unha transformación progresiva dos Campus nunha unidade intelixente e sostible. O Smart Campus é o concepto innovador de Smart City, que é unha forma de comprender as cidades como entidades interconectadas a través das novas tecnoloxías da comunicación e da información, conseguindo o benestar e a sostibilidade asociados ao Campus Universitario. É ter a universidade como un campo de probas para as solucións intelixentes da cidade social onde o estudantado e o profesorado poden atopar todo o necesario, debido a unha interconexión total. Non é só a tecnoloxía, senón a xestión de xeito eficiente do consumo, a redución de residuos, en definitiva, un adecuado manexo dos recursos ambientais para mellorar a vida da comunidade universitaria. Necesitamos espazos máis humanos, habitables e sostibles para as persoas.
Pero a nosa proposta quere que as tres follas do noso escudo brillen coa súa propia luz, así que concibimos os Campus periféricos como piares fundamental da nosa universidade, a partir da súa singularidade. Deste xeito, os últimos anos asistimos ao crecemento e maduración do Campus de Ourense, coa introdución de novos graos e novos edificios. O compromiso social a que aspiramos debe apostar por unha universidade sostible desde o punto de vista ambiental, a través dunha política renovada que afecte de forma holística á estrutura da universidade. Deste contexto forma parte o Campus de Ourense, especializado na auga a partir dunha perspectiva multidisciplinar e cuxo programa de doutoramento "Auga, Sostibilidade e Desenvolvemento" foi concibido como un programa innovador dentro das liñas de orientación estratéxica que integran o Campus da Auga. Ao mesmo tempo, tentaremos integrar a nova titulación de enxeñaría aeroespacial como un novo eixe de desenvolvemento científico e empresarial.
O campus de Pontevedra é, pola súa singularidade urbanística, académica e ambiental, un dos principais eixes nos que se vertebra a nosa candidatura. Esta circunstancia fai que arredor do deporte, a educación, as artes, a saúde, o medio ambiente, as ciencias sociais, a comunicación e a moda se desenvolva un espazo do saber e das persoas único, con múltiples fortalezas que fan, xunto a un elevado sentido interdisciplinar, do Campus de Pontevedra un emprazamento ideal para desenvolver iniciativas creativas e innovadoras acordes cun campus cheo de vitalidade, o que, xunto á especialización e a complementariedade, farán que se converta nun campus de referencia.
Sobre todas estas ideas, imos delinear unha serie de medidas concretas que serán os fundamentos do noso programa electoral. A continuidade na aplicación das políticas propostas servirá para proxectar o horizonte no que a Universidade de Vigo poida ser unha universidade pública de prestixio e referencia internacional, no ano 2040 (H2040).







Comentarios