Saltar ao contido principal

Belén Rubio Armesto


Catedrática de Estratigrafía no Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo dende 2009. Profesora da Universidade de Vigo dende 1991, impartiu clases de grao, máster e doutoramento. Dirixiu 6 teses de doutoramento e 13 traballos de fin de máster, licenciatura ou grao.

Como investigadora, pertence ao grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental, centrando o seu traballo de investigación no estudo da sedimentoloxía dos medios mariños costeiros e profundos, con énfase na contaminación por metais, os cambios diaxenéticos e a evolución paleoambiental e paleoclimática. Con cinco sexenios de investigación e un de transferencia, participou en máis de 30 proxectos de investigación, sendo IP en 9 deles, tanto a nivel autonómico, nacional como europeo, e uns 20 contratos con empresas. Ten publicados máis de 100 traballos científicos (artigos en revistas, capítulos de libros, etc.), dos cales máis de 55 están en revistas JCR. Participou en máis dunha ducia de campañas oceanográficas e conta con máis de 200 contribucións a congresos.

No ámbito da xestión, foi Decana da Facultade de Ciencias do Mar durante 5 anos (2013-2018). Implícase activamente desde 2013 como membro do Consello de Goberno da universidade. Foi secretaria da Conferencia de Decanos de Ciencias do Mar, desde a súa constitución en 2015 ata xuño de 2018. Tamén foi secretaria do departamento durante máis de doce anos. Actualmente é Vicerreitora de Investigación desde 2018, membro do comité executivo da CRUE de I+D+i e coordinadora da súa Red Divulga.

Participou en comisións de avaliación de proxectos, profesorado, bolsas, etc. Ten experiencia na organización de congresos, seminarios, xornadas, tendo participado na organización de nove congresos internacionais, un deles como coordinadora. É revisora habitual de artigos en revistas do JCR, no campo das xeociencias e das ciencias ambientais.


Comentarios