Docencia
Obxectivo 1.
Planificar, MELLORAR e
racionalizar a oferta DE TITULOS OFICIAIS.
Compromisos:
·
Negociar coa Xunta de Galicia a
harmonización da oferta global de graos e mestrados para potenciar unha oferta
diferencial por Campus que poida atraer alumnado de fala portuguesa, así como
de Iberoamérica e do norte de África.
·
Avanzar na flexibilización da
oferta para que o estudantado poida organizar mellor a súa formación, mediante
mecanismos como poden ser o aumento da oferta de dobres titulacións, o
establecemento de mecanismos que faciliten o acceso a unha segunda titulación,
ou o fomento das titulacións interuniversitarias con centros de recoñecido
prestixio, a nivel de grao, mestrado e doutoramento.
·
Encargarlles aos centros un deseño
do seu propio mapa de titulacións obxectivo, incluíndo graos e mestrados, como
forma de promover unha oferta harmonizada e planificada a medio prazo.
·
Apostar polas dobres titulacións,
tanto en grao coma en mestrado, apoiando os centros con vistas á súa
implantación e planificando dun xeito adecuado os horarios e calendarios de
exames para facilitar aos estudantes o seu seguimento.
·
Avaliar e redeseñar o mapa actual
de títulos de mestrado, adecuándoo ás estratexias dos centros e á demanda. En
todo caso, estas titulacións pasarán a depender funcionalmente dos centros, ao
mesmo nivel que os graos.
·
Promover bloques de materias
comúns a nivel de mestrado, como mecanismo de flexibilización da oferta, así
como a definición de mestrados interdisciplinarios entre diferentes ámbitos co
fin de avanzar cara a unha formación máis integral do alumnado.
·
Impulsar a formación do
estudantado en competencias transversais, como poden ser a mellora en competencias
comunicativas e de comunicación interpersoal, xestión do tempo, traballo en
equipo, cultura do emprendemento ou liderado.
·
Afondar no desenvolvemento da
Escola Internacional de Doutoramento como escola internacional que aglutine
todos os estudos de doutoramento da universidade seguindo a súa estratexia de
investigación e innovación, a partir de tres eixes principais: aumento da
internacionalización, maior implicación co tecido empresarial para fomentar a
presenza de doutores nas empresas e administracións, e aumento da visibilidade social
do labor investigador.
·
Desenvolver, en coordinación cos
centros, unha política institucional orientada á difusión da oferta formativa e
á captación de alumnado que evite a posible perda de titulacións por falta de
demanda.
Obxectivo 2.
Diversificar a oferta.
Compromisos:
·
Definir un Catálogo de Oferta
Académica á marxe das titulacións oficiais, orientado a cubrir as necesidades e
inquedanzas da sociedade no seu conxunto, incluíndo formación complementaria
para o exercicio profesional, reciclaxe formativa, necesidades do noso contorno
empresarial e industrial ou enriquecemento cultural persoal.
·
Crear unha Escola de Posgrao e
Formación Continua encargada de coordinar e organizar esta docencia, así como
as accións de formación continua orientadas ao propio persoal da Universidade
(PDI e PAS), que dispoña de procedementos axeitados para xestionar esta oferta
formativa co dinamismo necesario e, ao mesmo tempo, asegurar a súa calidade.
·
Procurar convenios con diferentes
administracións e organizacións para que esta oferta formativa teña o maior
recoñecemento posible.
·
Fomentar a participación de
institucións públicas e privadas, así como de empresas, tanto no financiamento destas
actividades formativas, como na impartición dalgunha delas, cando a súa
natureza así o requira.
·
Promover actividades formativas
orientadas ao mercado laboral, tanto para persoas ocupadas como para as que
estean na procura de emprego.
·
Pór
en marcha, mediante convenio coa Consellería de Educación, un Curso de Especialización en
formación pedagóxica e didáctica do profesorado técnico de formación
profesional, para cubrir as súas necesidades neste eido cando, pola súa
titulación, non poidan acceder ao mestrado de profesorado.
Obxectivo 3.
Procura da excelencia
na docencia.
Compromisos:
·
Revisar e actualizar as enquisas
entre a comunidade universitaria para identificar os puntos fortes e febles das
distintas ensinanzas impartidas.
·
Crear un Programa de Dotación de
Material Docente que permita a mellora dos recursos dispoñibles nas aulas con
vistas á utilización de novas metodoloxías docentes. Asemade, avanzar na
dotación de espazos axeitados para outras actividades docentes, como pode ser o
traballo en grupos reducidos.
·
Pór en marcha un Programa de
Dotación e Renovación de Equipamento de Laboratorios e Talleres que identifique
e permita planificar os investimentos necesarios para ofrecer unha formación
práctica de calidade.
·
Incentivar a consecución de
acreditacións internacionais para as titulacións oficiais da universidade, como
poden ser, por exemplo, os selos de excelencia EUR-ACE, EURO-INF ou ABET.
Obxectivo 4.
Aposta decidida pola Innovación
docente e a docencia virtual.
Compromisos:
·
Promover a formación do
profesorado no ámbito da innovación docente, así como a creación de grupos de
investigación interdisciplinarios neste ámbito.
·
Fomentar o intercambio e difusión
de actividades exitosas no ámbito da innovación docente mediante a creación de
repositorios de material e a posta en marcha de plataformas colaborativas para
o profesorado.
·
Desenvolver accións orientadas ao
fomento da cultura de innovación docente, tanto para o persoal como para o
estudantado, mediante convocatorias de proxectos, premios..., así como co
deseño dun sistema de recoñecemento docente para o profesorado que se involucre
no desenvolvemento de contidos ou actividades docentes innovadores.
·
Revisar e actualizar as
ferramentas dispoñibles na universidade para dar soporte á creación de
materiais docentes virtuais, así como para a súa posterior difusión.
·
Apoiar a creación de MOOC (Massive Open On-line Course) con vistas a
crear na Universidade de Vigo un Espazo de Coñecemento Aberto na rede, como
forma de achegamento da universidade á sociedade.
·
Fomentar a creación de SPOC (Small Private Online Course) para o
alumnado e así constituír un material complementario para as materias e tamén
para outras actividades como poden ser, por exemplo, os "cursos 0" ou
accións de captación de alumnado para determinadas titulacións.
·
Introducir paulatinamente a
docencia virtual naquelas actividades académicas de grao e mestrado en que se
considere axeitado, así como regular as especificidades deste tipo de
formación.
·
Avanzar cara á consecución do
obxectivo de dispor de estudos de doutoramento que o estudantado poida seguir
de forma totalmente virtual.
Obxectivo 5.
Racionalizar A XESTIÓN
ACADÉMICO-ADMINISTRATIVA DAS TitulacióNs.
Compromisos:
·
Redefinir o modelo de xestión dos
aspectos académicos e administrativos das titulacións oficiais, para adaptalo ás
novas necesidades xurdidas dos diferentes cambios normativos producidos como
consecuencia da adaptación ao EEES. Entre outras cousas, faise necesario
regular o marco de responsabilidade compartida entre o PDI e o PAS en
diferentes aspectos, así como ampliar o soporte a determinados procesos, como
poden ser os asociados á implantación de políticas de calidade.
·
Ampliar o soporte á EIDO, tanto no
referente á súa xestión administrativa, como á cobertura das súas necesidades
económicas para realizar con eficiencia as súas funcións, así como para
integrar toda a oferta de doutoramento da universidade e continuar co seu desenvolvemento
asumindo novos retos.
Obxectivo 6.
Racionalizar os
cálculos da Programación Docente Anual.
Compromisos:
·
Incluír na Programación Docente
Anual (PDA) da Universidade de Vigo todas as titulacións oficiais (grao, mestrado
e doutoramento) cun tratamento homoxéneo. Os centros serán os encargados de
realizar a PDA e o encargo docente aos departamentos, e estes serán os
encargados de asignar a docencia ao seu persoal.
·
Incluír na PDA, e, polo tanto, nas
encargas docentes, todas as actividades docentes reflectidas nos plans de
estudos (TFG, TFM, practicum, prácticas en empresa...), cun dimensionamento
acorde co traballo que supoñen.
·
Acabar, no referente á docencia
presencial, co procedemento actual de cálculo da PDA baseado en taxas, e
substituílo por un baseado no concepto de grupo de clase, en consonancia co
principio, que consideramos básico, de que unha hora de docencia presencial na
aula correspóndese cunha hora de profesor/a en POD.
·
Eliminar progresivamente a taxa
homoxénea do 15% para todas as titulacións no referente á contabilización do alumnado
repetidor para o cálculo da PDA, ata substituíla por unha baseada nas taxas
obxectivo definidas nos plans de calidade dos centros.