Saltar ao contido principal

A internacionalización

☝O noso plan estratéxico debulla unha universidade máis galega, e tamén máis proxectada no mundo. Seguramente a eiva máis importante que temos neste momento, e o capítulo onde debemos mellorar máis, é a escasa internacionalización. Unha das causas é a baixa incorporación de profesorado, de investigadores e investigadoras, de estudantes e de persoal de administración e servizos do estranxeiro. É certo que nin as normativas nin a pandemia axudaron, e que hai poucos estímulos, pero é preciso fortalecer a nosa presenza a nivel europeo e internacional.

Pretendemos incorporar a nosa universidade ó programa das universidades europeas. Neste senso levamos traballando tempo e pensamos que non podemos quedar atrás. Queremos lograr unha forte atracción de estudantado, con especial fincapé nos países lusófonos e castelán falantes, pero engadindo outros europeos e doutras latitudes, neste caso mediante iniciativas relacionadas co inglés. 

Tamén aspiramos a que os/as nosos/as egresados/as teñan un maior dominio do inglés. Faremos un plan piloto nos tres campus, que permita valorar medios para acadar ese incremento de competencias lingüísticas en inglés. 

Incluiremos a captación de talento internacional coma unha prioridade na actuación da Vicerreitoría de Investigación, mesmo con máis intensidade que nestes momentos.

As actuacións neste ámbito deben aproveitar as posibilidades das novas tecnoloxías, como son as plataformas de teledocencia ou o soporte a actividades de información e captación. Neste sentido faise necesario un redeseño da web, para que toda a información relevante para os distintos sectores, apareza polo menos en inglés.

Comentarios