A igualdade, eixo básico do futuro da nosa institución

☝A Universidade de Vigo quere ser  unha institución igualitaria, tanto cara á propia institución coma cara á sociedade. Daquela, cobra especial relevancia o papel da Unidade de Igualdade, que dependerá directamente do reitor.

Durante o mandato que esmorece tivemos moitas actuacións que fixeron avanzar a realidade da igualdade na institución. Unha delas (o estudo da fenda salarial) puxo de relevo que co nacemento dos fillos e a crianza temperá, as mulleres perden pé na carreira investigadora. Así, unha das medidas estrela que queremos incorporar, consiste na redución de docencia durante o período posterior á reincorporación trala baixa de maternidade, tal como se recolle no apartado de PDI deste programa (docencia cero o primeiro ano  e ó 50% durante o segundo). Esta medida é un plan piloto que será avaliado ó final do mandato, para comprobar a súa validez, por se houbese que corrixila ou ampliala.

Asemade, comprometémonos á negociación dun novo plan de conciliación, con propostas coma a creación de ludotecas atendidas mediante sistema de bolsas horarias nos períodos de vacacións nas escolas, establecemento dunha nova normativa relativa a horarios docentes e de investigación, e a fixación de límites horarios estritos para as sesións dos órganos de goberno.

Por suposto, manteremos todas as actividades que tan bos resultados están a render: o curso online de igualdade, que será completado con novas temáticas, a cátedra de feminismos 4.0, o comité de sabias, a mellora nos planes de igualdade, o distintivo de igualdade para os centros que acrediten merecelo, a medida positiva de recoñecemento da produción científica das mulleres que deran a luz, o sistema de subministro de produtos de hixiene feminina, o renomeamento de edificios para facer visible a importancia histórica das mulleres ou a realización de estudos con perspectiva de xénero e os premios para traballos realizados coa devandita perspectiva. No caso de que se precisen máis salas de lactación (no mandato pasado puxemos nos tres campus), faranse novas.

Publicacións populares deste blog

Grazas UVigo

Xuntanza 2025

#QuendaAberta