Saltar ao contido principal

Baixar á cidade: do rumor aos feitos

 


Ás veces é complexo que a comunicación realizada polas canles institucionais previstas conclúa sen contaminación nos sectores que non participan directamente do debate ou da escoita de quen emite a mensaxe orixinal.

O rumor é unha arma poderosa para influír nas persoas receptoras que non fan unha procura activa da información e que se decatan das novidades con imprecisións, con erros intencionais ou simplemente a través de terceiras persoas ás que resulta que llo contaron mal.

Desde H2040 queremos ser unha vía máis para resaltar as palabras e o esforzo do noso reitor en trasladarlle a toda a comunidade unha proposta que implica decisións de presente e de futuro para a Universidade de Vigo.

Esta entrada pretende responder ás preguntas formuladas por calquera persoa da comunidade en referencia á información que está a circular e que se puido coñecer máis aló dos núcleos de intervención ordinaria como son o Consello de Goberno, o Claustro ou as xuntanzas mantidas coas diferentes unidades.

Séguese afirmando que se vai desmantelar o campus de Vigo, non é certo.
Dise que se van baixar á cidade títulos de modo predefinido, radicalmente falso, tal como o intentou transmitir o propio reitor en cada unha das xuntas de centro de Vigo.
Aínda non se coñece que se aprobou que todas e todos poderemos votar nunha enquisa voluntaria, a través da nosa secretaría virtual, se consideramos conveniente apoiar o goberno universitario para activar a adquisición de inmobles con fins docentes ofertados por parte de diferentes institucións.
Tamén se lles ofrecerá aos institutos e ás persoas egresadas a posibilidade de apoiar ou de rexeitar esta proposta con senllas enquisas.


De todas as cuestións tratadas polo reitor nas súas intervencións, queremos lograr que se coñeza a idea orixinal e comprometida de facer partícipes as persoas protagonistas presentes e futuras, así como as que un día pasaron pola Universidade de Vigo, da conveniencia de recolocar títulos que, por falta de demanda ou de estratexia, se poderían ver favorecidos nesta oportunidade que se nos presenta.

Vaise descentralizar o campus de Vigo?

Nunha universidade que presume de tres campus e con capacidade de xestión coordinada nas tres cidades do sur de Galicia, esta decisión non afecta o concepto orixinal. Trátase de reforzar a coherencia dos ámbitos de especialización e simplemente de ampliar a súa presenza no centro. Xa contamos con títulos en Torrecedeira, cun centro de investigación en Toralla e cun centro de I+D e de transferencia proxectado e comprometido na ETEA.


Vaise desmantelar o campus para vender os edificios a empresas?

Non. O que explicou o reitor é que, no caso de que algún centro completo decida baixar, se poderán repensar eses espazos para unha colaboración entre a empresa e a universidade, como xa temos experiencias precedentes.

Váiselles obrigar aos centros a cambiar de emprazamento se a xunta de facultade ou de escola o rexeita?

Non. Precisamente a idea deste xeito de intervención é darlles a posibilidade a aqueles títulos que teñen pouco éxito de captación de estudantes e que poderían mellorar as súas ratios ao ofrecer os seus grados ou os seus posgraos na cidade.

Comentarios