Saltar ao contido principal

Pachi Reigosa «Foi esencial para nós que o estudantado puidera seguir o curso en pé de igualdade»

No acto de apertura prometeu mellorar a vida das persoas da Universidade de Vigo. Ten evidencias ou retroalimentación neste senso?

Só a comunidade universitaria pode ter a resposta certa coma é lóxico. Pero podo afirmar que, a pesar da situación que afrontamos co atranco que supuxo a pandemia, moitas das promesas están cumpridas e penso que teñen boa valoración. Penso que mellorou o sentimento de pertenza e que se transmitiron os valores da nosa institución coma viva, dinámica e chea de enerxía para o que está por vir.


A vontade de pasar a 280 horas así coma de facer a carreira académica transparente e coas promocións non retrasadas fronte aos anos precedentes foi unha teima programática que xa tivo os seus froitos. Que queda pendente no ámbito do profesorado?


Gustaríame darlle énfase ao feito de que, aínda que para moita xente durante a campaña parecía imposible facer este cambio e que se achacaba ao marco normativo a limitación para tomar esta decisión, si era posible.


Para nós era imprescindible darlle un valor á docencia e limitar as horas máximas. E nesa valorización do PDI era relevante permitir que as persoas que acadaron éxito nos procesos de acreditación puidesen ver recompensado o seu esforzo.


Os nosos cadros de persoal ademais están envellecidos e para planificar esa renovación apostamos pola figura do profesorado axudante doutor. Deste xeito fichamos talento novo e pasamos a darlle a oportunidade de consolidación. Queda moito por facer pero, en xeral, estou satisfeito co traballo feito.


Saíu nos medios a mellora en captación en investigación, como se logrou atraer estas persoas?


Desde sempre a investigación e a transferencia na Universidade de Vigo foron un sinal de identidade. Esta circunstancia permítenos que sen orzamentos avultados teñamos éxito na captación de talento de fóra, porque a contorna é moi favorable e contamos cunha comunidade investigadora moi importante. A UVigo está ben valorada como institución onde se pode levar a cabo unha carreira investigadora competitiva. Esta circunstancia favorécenos á hora de captar talento de fóra, o que nos permite aspirar a subir nas clasificacións e a estar por riba de universidades moito máis grandes. 


Persoas fronte a edificios, consecuentes unha vez elixidos?


Na primeira xuntanza virtual despois do peche pola covid-19, quedou totalmente evidenciada esta elección polas persoas. A consigna foi non deixar ninguén atrás e penso que o conseguimos. Acadámolo coa colaboración e co esforzo do PDI, do PAS e do estudantado, máis aló das ferramentas como a creación dun xemelgo dixital completo de toda a estrutura física. Fomos pioneiros na universidade española en facerlles chegar aos seus fogares mifis ou equipamento informático ás persoas que o precisaron para compensar os desequilibrios ante a pobreza dixital. Todo o alumnado da nosa universidade puido seguir a docencia e facer os exames neste inesperado mergullo na docencia en liña.


Cal é o maior orgullo no que vai de mandato?


Estou satisfeito sobre todo co traballo no Claustro, que a pesar do parón pola pandemia, completou un gran número de sesións e debateu de xeito moi construtivo. Dese traballo sae, por exemplo, o plan estratéxico agora mesmo en exposición pública.


Reto covid: o que se fixo sabémolo maioritariamente, pero que non soubemos e cal foi o momento de maior crise? 


A maior complicación foi o paso repentino á docencia en liña e as situacións para o estudantado con dificultades económicas. Foi esencial para nós que puidera seguir o curso en pé de igualdade. Penso que a loxística activada desde Planificación para resolver esta situación así coma o traballo intenso da área da comunicación fixo que esta crise tivese un desenvolvemento eficaz. Nós chegamos a converter a virtualización en fortaleza e en diferenciación con respecto a outras institucións universitarias, sen perder o horizonte da presencialidade. Propuxemos solucións para as tres situacións posibles con Campus Remoto ou con Campus Integra cando non se podía ir ao preferible 100 % físico.


Aínda que este sexa un soporte da agrupación que levou o equipo a gobernar… pode facer una breve autocrítica dos aspectos mellorables da xestión e da acción?


Pois mellorar a burocracia. Aínda que se trataron algunhas partes queda camiño por avanzar. O mesmo no caso da reformulación da RPT que non está rematada.


A súa ilusión máis grande como reitor é…


Ademais do éxito na renovación do persoal, aspiro a que nos tres campus a Universidade de Vigo teña un papel relevante no ámbito económico, cultural e social. Por iso precisamos achegarnos ás tres cidades e participar na vida cidadá.


Falamos da oposición? 


Adoito presumir de toda a comunidade neste tempo no que cada un fixo o necesario para pasar con folgura os retos presentados. Non teño mais que louvar a capacidade de diálogo e a facilidade para construír velando pola nosa marca común e o noso territorio: a UVigo.


Pode afirmar ou desmentir a posibilidade de volver presentarse coma candidato?

Cando chegue o momento será H2040 o protagonista para valorar quen o representa. Sen dúbida eu teño a forza e a ilusión para presentar un programa novo e máis completo e para volver facer equipo. A miña disposición para seguir metido na carreira é total. 

Comentarios