Saltar ao contido principal

Balance compromisos cumpridos do primeiro ano de goberno



Secretaría Xeral

- Revitalización dos órganos de goberno como lugares de participación, debate e decisión: cumpriuse a través da convocatoria de tres Claustros e cos debates en Consello de Goberno, ademais da aprobación de case todos os acordos por asentimento.
- Simplificación do programa Docentia: creación da comisión ad hoc que xa se reuniu tres veces neste primeiro ano de goberno. O deseño final está avanzado e estase intentando consensuar ademais co resto do SUG.
- Mellora das enquisas de profesorado: propúxose a redución das preguntas (10) e o deseño como enquisa electrónica. Tamén se está consensuando co resto do SUG.
- Creación dun grupo de traballo de innovación administrativa para analizar os trámites e os procedementos: nos compromisos falábase de crear unha unidade administrativa e creouse un grupo de traballo con esta finalidade. Proximamente sacarase unha instrución sobre a elaboración do catálogo de trámites.
- Posta en marcha da administración electrónica: publicouse a normativa da sede e creouse a Comisión da Administración Electrónica. Esta comisión convocarase no mes de xullo para aprobar a normativa sobre o rexistro electrónico e a normativa complementaria. En materia de protección de datos, nomeouse a delegada e publicouse unha instrución.
- Procura da igualdade real de todas as mulleres e os homes da comunidade universitaria:  bautizáronse os edificios de xestión con nomes de mulleres e ditáronse as medidas de discriminación positiva nas convocatorias propias da Universidade de Vigo.
- Unificación do calendario académico no SUG: este compromiso non figuraba entre os compromisos pero conseguiuse.
- Redución da litixiosidade no eido universitario: constan datos obxectivos na redución da litixiosidade no ano en curso respecto do anterior.
- Adecuación da normativa aos novos estatutos.


Vicerreitoría de Investigación


- Creación dunha oficina de xestión integral de proxectos, cunha estrutura que abrangue o apoio ao persoal investigador, desde a montaxe do proxecto ata a súa xustificación final.
- Inclusión na convocatoria de axudas propias da Universidade de Vigo de axudas á internacionalización e á preparación de proxectos internacionais.
- Cofinanciamento das infraestruturas de investigación da convocatoria do ministerio 2018 e as anteriores.
- Fomento e axuda na utilización dos centros de apoio da universidade a partir dos costes indirectos dos proxectos.
- Convocatoria HIPATIA posdoutoral, para doutoras, no ano 2018.
- Incremento dos recursos humanos dedicados á investigación por medio de dúas convocatorias (2018 e 2019) de retención de talento investigador.
- Mellora da internacionalización mediante programas de captación de talento investigador. 
- Consideración do recoñecemento docente a líderes de proxectos H2020.
- Atención prioritaria aos campus de especialización e á configuración actual dos centros de investigación a través da revisión e da modificación da actual normativa.
- Creación de novas agrupacións estratéxicas e de centros singulares, en particular coa creación do centro CINTECX.


Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado


- Finalización da execución da OPE 2017, comezada polo equipo anterior, e que supuxo a toma de posesión entre abril e maio de 2019 de 20 catedráticos/as de universidade, 20 titulares de universidades e 13 contratados/as doutores/as.
- Aprobación da OPE 2018 cuxos concursos se porán en marcha en setembro e suporán a saída de 24 prazas de catedrático/a de universidade, 24 prazas de titular de universidade e 5 prazas de contratado/a doutor/a para a consolidación do persoal investigador.
- Saída a concurso no mes de xuño de 2019 das seguintes prazas como consecuencia da elaboración do POD para o curso 2019/20: 13 prazas de profesorado axudante doutor,  44 prazas de profesorado asociado, tres prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde, 40 listas de agarda para a contratación de profesorado interino de substitución, un profesor visitante (Aeroespacial) e dous novos profesores eméritos e renovación doutros tres.
- Aprobación e posta en marcha das medidas de promoción para o profesorado asociado acreditado, nas que se probaron un total de 33 prazas para consolidar profesorado asociado. En total houbo 13 candidatos/as, o que suporá a saída a concurso de oito prazas de profesorado axudante doutor para o segundo cuadrimestre do curso 2019/20, e cinco prazas de profesorado axudante doutor para o curso 2020/21. Esta medida suporá a eliminación da bolsa de «falso» profesorado asociado da Universidade de Vigo.
As dúas medidas anteriores supoñen a saída a concurso para o próximo curso dun total de 21 prazas de profesorado axudante doutor, en comparación coas catro prazas que saíron no curso 2018/19.
- Aprobación de criterios e elaboración de listas de prelación para a saída a concurso de prazas de profesorado titular de universidade e catedrático de universidade. Apuntáronse un total de 93 acreditados/as a titular e 62 persoas acreditados a catedrático, o que supón o primeiro paso para eliminar as bolsas de acreditados/as.
- Aprobación duns novos criterios de elaboración de POD que, por unha banda, supuxeron o paso a un máximo de 280 horas de dedicación docente de todo o profesorado e, por outra, parece que conseguiron reducir a conflitividade na elaboración destes plans.
- Modificación das normativas de TFG e TFM para que poidan ser avaliados polo titor ou titora. Algúns centros xa teñen modificado o seu regulamento para implantalo na convocatoria de xuño deste curso.
- Negociación colectiva real con respecto dos acordos acadados.


Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade


Administración electrónica
- Elaboración  dunha normativa completa destinada a adecuar o funcionamento da Universidade de Vigo aos parámetros da administración electrónica, con particular atención á Lei 39/2015 de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas e á Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (cumprido).
- Realización de actividades de formación para o persoal da Universidade de Vigo sobre os procedementos técnicos necesarios no uso da administración electrónica: avanzado.
- Desenvolvemento, a través dos servizos informáticos propios, das ferramentas técnicas necesarias para garantir que a administración electrónica se faga realidade na Universidade de Vigo (avanzado).
- Creación dos mecanismos legais e técnicos que permitan o establecemento dun sitio electrónico na Universidade de Vigo que garanta a integridade, a veracidade e a actualización da información e servizos aos que se pode acceder (avanzado).
- Garantía da sinatura dixital, mediante o uso dun certificado recoñecido, que incorpore un selo de tempo para autenticar a data de creación dos documentos, a xeración de probas electrónicas e, polo tanto, a xeración de dereitos e obrigas (avanzado).
Espazos e vida nos campus
- Estudo das necesidades docentes e de investigación dos centros e grupos de investigación e a dispoñibilidade de espazos nas diferentes dependencias para o seu mellor aproveitamento (en proceso).
- Análise dos compromisos herdados en infraestruturas, cumprir cos acordos asinados e coas amortizacións económicas comprometidas e propoñer novas ideas respecto do uso que se lles pretende dar (cumprido).
- Análise da situación real do estado e do mantemento dos centros e identificación da responsabilidade destes aspectos por parte de persoal interno ou de contratas externas (avanzado).
- Establecemento dunha orde de prioridades na acometida das situacións máis urxentes de mantemento (goteiras, perdas enerxéticas...) en cada centro, en coordinación con seus responsables (cumprido).

Sostibilidade
- Estudo da implantación de instalacións de enerxía renovable (avanzado).
- Avance na posta en marcha de sistemas centralizados de calefacción (avanzado).
- Colaboracións coas administracións correspondentes (cumprido).
- Harmonización e conxugación dos espazos de aparcamento coas zonas verdes e dotación dun maior número de prazas de aparcamento naqueles centros onde sexa necesario (avanzado).
- Mellora na xestión dos consumos de auga e luz das instalacións (avanzado).
- Promoción do cambio de instalacións de gasóleo a gas natural (avanzado).
- Análise do funcionamento actual dos servizos de transporte aos campus (avanzado).
- Posibilidade de crear un servizo de transporte intercampus (en proceso).
- Construción dunha fotolinera en cada campus (en proceso).



Vicerreitoría do Campus de Pontevedra


Revitalizar o Campus Crea S2i como necesidade principal do campus
- Apoiar os grupos de investigación do campus e elaborar xunto con eles un plan de acción con vistas á nova localización da antiga delegación da Xunta de Galicia en Benito Corbal una vez estea rematada a súa reforma (avanzado).
- Crear unha zona de coworking para o alumnado e o persoal investigador novo para facilitarlles o desenvolvemento de novas empresas (en proceso. 
- Estreitar os vínculos entre a universidade e a empresa e facilitar as relacións das persoas tituladas coas empresas relacionadas cos estudos do campus: en proceso.
Programa de doutoramento en creatividade e innovación social e sostible
- Poñer en valor o programa de doutoramento desde unha visión innovadora e transversal, apostar pola interdisciplinariedade como proceso para a busca de solucións creativas, competitivas e de calidade e darlles resposta aos desafíos da sociedade actual desde diferentes ámbitos (avanzado).
- Explorar, xunto coa comunidade universitaria, novas formas de innovación para, á súa vez, entender o modo en que se desenvolven e se conseguen os seus fins ou non se procuran os obxectivos fixados (en proceso).
- Propoñer e estudar solucións innovadoras para facer máis atractivo e participativo o programa de doutoramento contando coa opinión do persoal investigador do campus de Pontevedra (en proceso).
- Fomentar a participación en proxectos internacionais do PDI implicado no programa (en proceso).
- Involucrar os poderes políticos nas iniciativas promovidas polo programa (en proceso).
Reordenación de títulos e programación sociocultural.
- Defender ante a Xunta de Galicia a permanencia dos títulos que se imparten no campus de Pontevedra, así como estudar a posible implantación de novos títulos (cumprido).
- Apoiar o grao universitario en Deseño Téxtil e Moda na estrutura dun grao de Deseño (cumprido).
- Revitalizar o «cuarto ciclo», como medida de aprendizaxe permanente ao longo da toda a vida (cumprido).
- Desenvolver unha programación cultural e social xeral e integradora coa idea de converter a Casa das Campás nun espazo aglutinador dos intereses culturais, artísticos, sociais tanto da comunidade universitaria coma da cidadanía (cumprido). 
Descentralización dentro dunha estrutura coherente de toda a universidade.
- Mellorar a estrutura actual da vicerreitoría para adaptala ás necesidades de xestión (cumprido).
- Avanzar na formación dun equipo de apoio aos centros e ao persoal investigador baseado na eficiencia e na eficacia (cumprido).
- Desenvolver liñas de actuación que converxan nunha verdadeira universidade dixital para toda a comunidade do campus (en proceso).
- Incrementar o apoio da unidade técnica, así como da delegación dos servizos informáticos (en proceso).
Integrar a diversidade funcional no Campus de Pontevedra.
- Fomentar a participación de diferentes membros da comunidade universitaria a través da implantación de plans de formación, os medios e o apoio necesario para conseguir a adaptación técnica e curricular (avanzado).
- Desenvolver un censo anual de estudantes, PAS e PDI con diversidade funcional para planificar e programar recursos e ofrecerlles apoio personalizado (en proceso).
- Proporcionar atención personalizada á comunidade universitaria con diversidade funcional e atender as necesidades colectivas de cada sector: estudantes (acceso, titores/as, adaptación curricular), PDI (recoñecemento no POD, adaptación de materiais e tempos) e PAS (axustes RPT, traslados, aplicación de guías específicas de saúde ocupacional) (en proceso).
- Promover o acceso ao campus de Pontevedra de estudantes con diversidade funcional e fomentar e promover o éxito dos seus estudos universitarios (en proceso).
- Eliminar as barreiras arquitectónicas dos edificios e do propio campus (en proceso).
Optimización de servizos e de espazos para a comunidade educativa.
- Finalizar o módulo do proxecto do edificio de Ciencias da Educación e do Deporte como medida para afianzar e desenvolver aínda máis a calidade e o labor diario desta facultade (avanzado).
- Dotar de contido o programa Green Campus co desenvolvemento de accións transversais que fortalezan o respecto e a preocupación pola mellora ambiental e a súa sostibilidade dentro da comunidade educativa do campus (cumprido).
- Xestionar e remodelar os espazos e os recursos deportivos existentes co fin de rendibilizar ao máximo a súa utilidade e dar resposta ás demandas da comunidade universitaria do campus de Pontevedra (avanzado).
- Estudar as necesidades de espazo de todas as titulacións para poder xestionalas dunha maneira eficiente (avanzado).
- Reformular a comunicación cunha liña de transporte propia entre a estación de tren e o campus (en proceso).
- Impulsar un plan de mobilidade baseado no respecto ao medio ambiente e acorde coas políticas internacionais (avanzado).
- Desenvolver con eficacia unha liña de transporte que comunique o campus de Pontevedra coa cidade e cos principais puntos de conexión das cidades limítrofes  como Vigo, Santiago ou Vilagarcía (en proceso).
- Ampliar os espazos comúns (zonas de estudo individuais e en grupo) e ampliar, como proposta a medio prazo, a biblioteca e os espazos para a coordinación e a xestión da investigación (en proceso).
Impulsar a interacción co contorno empresarial e social a través da cooperación entre as distintas áreas do campus.
- Desenvolver proxectos de innovación nun ambiente de co-creación para a aprendizaxe, a docencia e a investigación en cooperación coa industria e os axentes sociais da provincia (avanzado).
- Promover a creación de sinerxías con empresas e institucións locais (avanzado).
- Poñer en marcha proxectos empresariais orixinados no campus (en proceso).
- Incentivar os membros da comunidade universitaria que destaquen pola súa actitude emprendedora (avanzado).
Promover a captación de estudantes e a inserción laboral das persoas tituladas.
- Realizar programas para atraer estudantes excelentes nos diferentes graos do campus de Pontevedra (avanzado).
- Apoiar a celebración de foros e feiras de emprego que amosen o potencial das titulacións do campus de Pontevedra (cumprido).
- Fortalecer os contactos cos centros de formación profesional da provincia para promover a incorporación do seu estudantando ao campus (cumprido).
- Mellorar o deseño e o uso das enquisas sobre a inserción laboral das persoas tituladas (en proceso).


Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación


Un ano despois, a UVigo é máis internacional e máis humana (HUVigo)

Deseñar un plan estratéxico de internacionalización integral (avanzado)
- Desde a vicerreitoría, estanse convocando diversos actores e unidades para facer unha avaliación do Plan de Internacionalización vixente e comezar a deseñar un novo plan a partir de setembro. Este terá o seu foco na lusofonía e nas candidaturas ao programa «European Universities» da UE. Tamén incluirá un programa de parcerías e alianzas externas, especialmente no que atinxa ás universidades do norte de Portugal; unha maior presenza da UVigo na oficina que levamos alugando desde hai anos na sede do CSIC en Bruxelas, así como o fomento de acordos con outras universidades e o impulso dos actuais que dotaremos de contidos e actividades. 
- Fixéronse avances importantes para podermos contar cun protocolo de atención ás autoridades e ás delegacións estranxeiras na universidade e nos centros así como cun plan anual de semanas internacionais, que debería ser unha por campus. 
- Estase revisando o plan de captación internacional e reconsiderando, ademais, a presenza da universidade nas feiras internacionais para facela máis eficiente e economicamente sostible. Trabállase no deseño dun programa de embaixadores e embaixadoras da Universidade de Vigo, do cal xa se está poñendo en marcha un piloto en Perú, Marrocos, Xapón e Cabo Verde, a través, sobre todo, da rede de persoas tituladas pola Universidade de Vigo (nacionais e internacionais), dos contactos do PDI e do PAS e das alianzas universitarias.
- Está tamén moi avanzada a revisión das coberturas e dos seguros médicos fronte ás posibles incidencias dos membros da comunidade universitarias nas viaxes ao estranxeiro, así como de todos os seguros das persoas visitantes e do estudantado internacional a fin de asegurar unha cobertura máis ampla e mellores condicións.
- Desde a vicerreitoría colabórase na actualización dos contidos audiovisuais e da docencia virtual como instrumentos de captación internacional. 
- Xunto coa Unidade de Igualdade trabállase na posta en marcha de protocolos de cambio de nome por razón de xénero nas universidades coas que temos acordos de colaboración, ademais de axudar na difusión internacional das boas prácticas da Unidade de Igualdade en diferentes foros internacionais.
- Sen embargo, algo no que aínda non se obtiveron os resultados esperados e no que se debe traballar máis é na promoción da internacionalización das prácticas externas, en colaboración coa Área de Emprego. 
Reestruturar e potenciar a Oficina de Relacións Internacionais (en proceso)
- Un dos compromisos é o de mellorar a estrutura do persoal da Oficina de Relacións Internacionais, sobre todo nos campus de Pontevedra e Ourense. Pola cantidade e a complexidade do traballo que se realiza na ORI, así como polo orzamento que a oficina manexa, cómpre ir dando pasos firmes para elevala a servizo ou alomenos dotala dunha xefatura de sección. Namentres isto non poida ser unha realidade, estase tratando de reforzar a súa estrutura con técnicos/as medios/as con cargo a fondos europeos xerados grazas aos bos resultados das mobilidades do programa Erasmus. O dito orzamento será tamén destinado á fortalecer aos centros e ás persoas responsables de internacionalización dos campus de Pontevedra e de Ourense, onde non existe unha estrutura ORI creada.
- Prevese crear antes do final do ano 2019 un centro de benvida internacional tanto para o estudantado como para o PDI e o PAS estranxeiro. O obxectivo é mellorar a atención ás persoas saíntes e entrantes antes, durante e despois da súa estadía.
- Non se contaba, ata o de agora, cunha ferramenta informatizada que dera resposta axeitada ás necesidades dun volume cada vez maior de mobilidades na nosa universidade. No último semestre do ano realizaranse melloras derivadas da informatización dos procesos da ORI a través da súa conexión coas secretarías dos centros. Asemade, estase traballando nun calendario de convocatorias de mobilidade máis eficiente así como na simplificación de toda a burocracia. Para isto, establecéronse roldas de debate (dúas por campus) coas persoas responsables de internacionalización dos centros e das secretarías, que están dando moi bos froitos na mellora da coordinación.
- A ORI está actualizando o material promocional da UVigo en diferentes idiomas, así como as guías do estudantado. Contamos xa cun repositorio dixital de materiais promocionais para PDI, PAS e estudantado, de libre uso, que será presentado en setembro ás persoas responsables de internacionalización dos centros, ao Consello de Estudantes e á Xerencia.
- A pesar de que aínda queda moito camiño por facer, a ORI que temos hoxe está máis reforzada e ten un mellor reparto de funcións entre o seu persoal. Proba disto é que se está respondendo ante novos retos internacionais, como por exemplo, a solicitude dun proxecto European University en parcería con tres universidades europeas. Este proxecto non resultou ser financiado, pero a Universidade de Vigo foi a única do sistema universitario de Galicia que foi capaz de presentar unha candidatura.
Impulsar a mobilidade internacional do estudantado, PDI e PAS (avanzado)
- Incrementáronse as peticións de novas mobilidades de estudantes, PDI e PAS fóra da UE, ampliáronse os países de destino nas mobilidades K-107 e solicitáronse 40 bolsas para másters da UVigo para estudantado de Marrocos no marco da recente convocatoria do Ministerio de Educación. A intención é achegarse ás cifras de mobilidade marcadas pola UE para o ano 2020 en todas as titulacións.
- Iniciouse a formación do persoal da ORI nos programas de internacionalización na casa promovidos polo programa Erasmus e, como novidade no SUG, a Universidade de Vigo presentou o primeiro catálogo de materias English Friendly con máis de 140 materias adheridas.
- Finalmente e aínda que son necesarios maiores esforzos, ampliáronse as mobilidades saíntes de PAS dentro da UE e modificouse a convocatoria para facela máis equitativa e máis atractiva. En canto ao PAS entrante, iniciouse un plan de sensibilización nos diferentes servizos e unidades da universidade, para incrementar as respostas positivas ás peticións do PAS visitante.
Mellorar a posición da UVigo nos ránkings internacionais (en proceso) 
- Xunto coa Vicerreitoría de Investigación e a Unidade de Análises e Programas, trabállase na mellora do cumprimento dos indicadores das clasificacións internacionais máis salientables, incluídos as de transparencia e bo goberno. 
- Tamén se puxeron en marcha medidas para mellorar a difusión dos resultados acadados coa finalidade de mellorar a súa interpretación e de facelos máis accesibles a todas as persoas. 
Impulsar a cooperación ao desenvolvemento (cumprido)
- Xunto coas outras dúas universidades galegas, avanzouse no deseño e o desenvolvemento dun Plan de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (CUD). 
- Deseñamos o I Plan de Aprendizaxe-Servizo da UVigo e publicouse con moi boa resposta a primeira convocatoria para apoiar a docentes que quixeron presentar as súas materias a esta metodoloxía de compromiso e acción social.
- Convocouse os I Premios a teses, TFM e TFG centrados no estudo de temas vinculados coa cooperación e o voluntariado e as I Bolsas para realización dunha parte do TFG ou da tese nun país en vías de desenvolvemento.
- Organizaranse en outubro unha feira solidaria e un festival musical a favor de Mozambique.
- Asemade, incrementouse a formación do PDI e PAS sobre a preparación de propostas a convocatorias de proxectos internacionais de cooperación, educación e innovación. Por primeira vez a UVigo estableceu un plan de apoio ao PDI para presentar propostas internacionais. Como resultado, en 2019 a universidade presentou por vez primeira un número importante de proxectos: dous proxectos de cooperación á AECID e oito á convocatoria de proxectos de investigación en cooperación da Xunta de Galicia.
Deseñar un plan de voluntariado (cumprido)
- Fixéronse avances importantes no Plan de Voluntariado Corporativo, a través da revisión de toda a normativa e a dixitalización da meirande parte dos procedementos que se viñan empregando. O máis salientable é que se recuperaron as alianzas e as relacións que se perderan con ONG locais. 
- Cómpre, a partires de setembro, empezar a establecer alianzas con máis ONG de carácter internacional.
Aliñar a UVigo cos 17 ODS da Axenda 2030 (avanzado)
- Comezouse co aliñamento da UVigo á Axenda 2030 e aos 17 ODS. Lanzáronse as primeiras bolsas de formación en Axenda 2030 e Responsabilidade Social e temos xa as bases dun novo Plan de Responsabilidade Social Universitaria e do I Plan Integral de Saúde e Benestar da Universidade de Vigo. 
- No derradeiro trimestre do ano está previsto iniciar a revisión do programa actual de Acción Social e poñer en marcha o Comité de Ética e as medidas que se empregarán para analizar o impacto social da investigación que se fai na Universidade de Vigo. 
- Este ano tamén se creará o Observatorio do Rural (Ourense Rural Hub) e se organizará o «Ourense Rural Summit», como mostra do compromiso da UVigo co rural. 
- Iniciouse o deseño dos plans de formación e de capacitación do PDI, PAS e estudantado en liderado, xestión das persoas e equipos directivos.
- Sen embargo, todavía non se crearon os Maker Space por campus, de prototipado social. 
Mellorar a conciliación da vida laboral e familiar (avanzado) 
- Ampliouse a posibilidade de matrícula no Campus Camp dos fillos e fillas do persoal da UVigo ata os 14 anos.
- Constituíuse un grupo de traballo para analizar a viabilidade dunha escola de educación infantil no campus de Vigo (centro interxeracional) e para deseñar un plan de atención á dependencia (respiro familiar).
Fomentar o asociacionismo (en proceso)
- Non se mellorou a participación do estudantado no goberno da universidade nin se incrementou o asociacionismo universitario. Xa houbo unha xuntanza con algúns representantes das delegacións de estudantes da nosa universidade, pero cómpre avanzar máis nesta liña.
Mellorar a atención ao estudantado con diversidade funcional. (avanzado) 
- Fixéronse grandes avances na revisión da normativa e das medidas de apoio na atención ao estudantado con necesidades específicas de apoio educativo (alumnado PIUNE). En setembro haberá unha formación para as persoas representantes da atención á diversidade nos centros. Mellorouse a difusión da información ao estudantado PIUNE.
- Sen embargo, non se identificaron as carencias en hábitos e técnicas de estudo do estudantado nin se elaborou unha oferta de formación específica neste eido. 
- Finalmente, fíxose a petición á Xerencia para dotar á Unidade de Atención ao Estudantado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (Unaten) dunha praza de técnico superior en Atención á Diversidade/Educación Inclusiva.


Vicerreitoría do Campus de Ourense

Revitalizar o Campus da Auga como unha necesidade principal.
- Apoiar os grupos de investigación do campus e traballar conxuntamente nun plan de acción.
- Fomentar a colaboración con outras institucións científicas e académicas para acadar a excelencia docente e investigadora.
- Promover as relacións transfronteirizas entre a provincia de Ourense e o norte de Portugal en materia de investigación.
- Programa de doutoramento Auga, sostibilidade e desenvolvemento.
- Propoñer solucións innovadoras para facer atractivo o programa de doutoramento Auga, sostibilidade e desenvolvemento, especialmente no ámbito das bolsas de investigación.
- Fomentar a participación do PDI implicado no programa en proxectos internacionais.
- Involucrar os poderes políticos nas iniciativas promovidas polo programa.
- Reforzar o programa como motor de investigación que sitúe o campus na vangarda do desenvolvemento sostible.
Reordenación de títulos
- Estudar as necesidades dos títulos para lograr un uso eficiente e equitativo dos espazos dispoñibles.
- Revitalizar o «cuarto ciclo», como medida de aprendizaxe permanente ao longo da toda a vida.
Acadar o recoñecemento do campus de Ourense como inclusivo e saudable.
- Fomentar a participación da comunidade universitaria a través da implantación de plans de formación, os medios e o apoio necesario para conseguir a adaptación técnica e curricular, o fortalecemento das unidades e servizos para a atención á diversidade e a conexión con axentes sociais que participen nesta tarefa de integración.
- Proporcionar atención personalizada á comunidade universitaria con diversidade funcional e atender as necesidades colectivas de cada caso.
- Promover o acceso ao campus de Ourense de estudantes con diversidade funcional e fomentar e promover o éxito dos seus estudos universitarios.
- Integrar a diversidade funcional no ámbito do traballo do campus.
Optimización dos servizos e dos espazos en beneficio da comunidade educativa
- Xestionar e remodelar os espazos e recursos xa existentes co fin de rendibilizar ao máximo a súa utilidade e dar resposta ás demandas da comunidade universitaria do campus.
- Ampliar e actualizar a dotación deportiva como medio para promover hábitos saudables.
Promover a integración do entorno empresarial e social a través do fomento da cooperación entre as distintas áreas do campus
- Promover a transferencia e a difusión dos resultados da investigación en todos os ámbitos.
- Promover a realización de proxectos transversais nos que colabore persoal investigador de distintos ámbitos.
- Promover a creación de sinerxías con empresas e institucións locais.


Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais

Proxección dunha identidade común, unificada e homoxénea
Os maiores esforzos da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais, tiveron que ver, neste primeiro ano, coas competencias referidas á identidade corporativa, un aspecto imprescindible. Conseguíronse grandes avances nos seguintes ámbitos: a proxección dunha identidade común, unificada e homoxénea desde os distintos centros, departamentos, áreas e servizos que xeran información; na consolidación da identidade visual corporativa da universidade; na mellora dunha imaxe de marca recoñecible e organizada entre os grupos de interese; no fomento do respecto pola imaxe e o sentido de pertenza á institución; na mellora das canles de información e comunicación; na busca da coherencia de contidos e conceptos para reforzar a estratexia comunicativa; na concienciación da importancia de UVigo como marca paraugas á que se lle deben incorporar submarcas correctamente; na procura dunha sinalética uniforme.

Creación dun plan estratéxico de comunicación
A través da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais, demostrouse o compromiso do equipo de goberno coa comunicación e co diálogo, para que todas as persoas que conforman a comunidade universitaria se sintan parte dela e poidan expresar as súas opinións. 
Neste primeiro ano de goberno, traballamos xunto con todas as vicerreitorías, os servizos e as áreas para xestionar a comunicación e iniciamos encontros coas direccións e os decanatos dos centros nos tres campus co fin de ofrecerlles apoio, axuda e asesoramento para establecer unhas liñas xerais de colaboración en materia de comunicación institucional. 
Grazas a todas as colaboracións e a estes encontros, coas inquedanzas e as necesidades recibidas, seremos quen de elaborar un plan de mellora da comunicación.

Creación da Unidade de Cultura Científica e da Innovación
A Unidade de Cultura Científica e da Innovación iniciou as súas actividades en novembro de 2018 como un axente fundamental na difusión e a divulgación da universidade para mellorar a formación, a cultura e os coñecementos científicos da sociedade. Para a consecución deste obxectivo, elaborouse un plan anual de actividades, denominado «Unha Cuestión de Ciencia», que ten como eixo vertebrador unha serie de pezas audiovisuais e actividades que se organizarán con motivo das diferentes conmemoracións establecidas pola UNESCO. A través das súas redes e do portal institucional, a UCC+i difunde pezas audiovisuais de elaboración propia, nas que o PDI da institución comparte as súas experiencias, coñecementos e avances científicos do seu traballo. Neste primeiro ano, tratáronse temas como o fomento das vocacións tecnolóxicas das rapazas no Día Internacional das Nenas nas TIC, a concienciación sobre o problema da redución da biodiversidade con motivo do Día Internacional da Diversidade Biolóxica e a implicación da Universidade de Vigo nun proxecto de investigación sobre os efectos do plásticos nos sistemas mariños coincidindo cos Días Mundiais do Medio Ambiente e dos Océanos. A través da UCC+i, organízase tamén un ciclo de conferencias titulado “Conversas sobre o cambio climático” nas que o PDI explica de xeito ameno e sinxelo diferentes cuestións relacionadas con esta problemática.

Tenda universitaria
Desde a Vicerreitoría estanse definindo criterios comúns de deseño e de imaxe e traballando nun catálogo de merchandising e de agasallos institucionais. Tamén se está traballando na elaboración dun prego de cláusulas administrativas para a adxudicación dun contrato privado para a venda en liña dos produtos e a venda directa ao público no edificio institucional da universidade no Berbés.

Aproveitamento das redes sociais
A Vicerreitoría xestiona os medios sociais institucionais a través da publicación de contidos en Facebook (10.000 seguidores), Twitter (38.000 seguidores), Instagram (2684 seguidores) e Linkedin (51.053 seguidores). 
Téntase darlle difusión a toda a información que chega desde a propia comunidade universitaria, tanto á petición do persoal de administración e servizos, do persoal docente e investigador e do estudantando, como a aquela información externa que poida ter interese para as persoas da universidade. 
Desde a nosa entrada no goberno, apostamos pola interactuación coa comunidade universitaria e coa sociedade en xeral a través da inmediatez na resposta ás mensaxes recibidas nos diferentes medios. 
Durante os sete días da semana, en Facebook realízanse entre dúas e catro publicacións diarias, en Twitter e Linkedin de cinco a sete. En Instagram a calendarización é dun máximo de dúas publicacións á semana. Agora a nosa galería-feed ten criterios fotográficos orientados á plasmación da nosa identidade e á captación do noso público obxectivo.

Difusión da actividade da Universidade
A través dos diferentes soportes cos que conta a vicerreitoría (Gabinete de Prensa, Área de Imaxe, UVigo TV, Unidade de Cultura Científica e da Innovación, web, app e redes sociais) contribuímos acotío a difundir o coñecemento cultural, científico e tecnolóxico xerado na universidade así como a render contas e a compartir os seus valores cos diferentes grupos de interese como son, por unha banda, os grupos internos (estudantes, persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador) e, por outra, aos grupos externos (titulados e tituladas, empresas, institucións, sociedade, etc.).
A vicerreitoría ten asumida a responsabilidade dos contidos da web, a maior ventá e o principal soporte de comunicación que debe atender as necesidades internas e externas e ser unha tarxeta de presentación dunha institución pública, galega, nova, moderna e internacional.  Desde a organización de cursos de edición dos contidos para as persoas editoras, a colaboración no peche dos microsites na web vella, a revisión de toda a información en colaboración coas persoas editoras, a atención das necesidades e das demandas de difusión de información por parte da comunidade universitaria, a elaboración de materiais e de contidos para a portada, o deseño de plantillas web para os centros, departamento e demais, ou a elaboración dun manual de boas prácticas para a creación de web, trabállase día tras día dar a mellor resposta aos usuarios e usuarias.  

Campañas de comunicación
Con respecto á xestión da promoción da Universidade de Vigo, optouse por accións de pago no caso de campañas estratéxicas de captación de estudantado durante os períodos de celebración das probas ABAU e de matrícula (recuperación da campaña #Todoencaixa en xuño de 2018; campaña #SomosUVigo en de setembro de 2018 centrada na promoción dos sete títulos con déficit de matrículacións; campaña de Nadal; campaña de presentación de Oli, a mascota da Universidade de Vigo e preparación da campaña 2019 #enerxíaUVigo). 
Tamén se apostou durante todo o ano por pequenas campañas internas de balde a través da web e doutros medios propios para establecer e manter vínculos co público da universidade. Trátase de campañas propias da vicerreitoría, mais tamén de campañas de apoio á accións emprendidas por outras vicerreitorías,  servizos e centros. 

Representación institucional
No tocante ás relacións, en representación do reitor, coas institucións, organismos e empresas de carácter público e privado, cómpre destacar a participación en múltiples actos e eventos, que deron lugar, na maioría dos casos, ao estreitamento de vínculos xa existentes ou á apertura de novas vías de colaboración. 
Desde a vicerreitoría tamén se organizaron e se deu apoio na planificación e a execución de eventos institucionais importantes como o Día Internacional das Universidades Saudables, o Día Internacional da Muller, a presentación da mascota da Universidade de Vigo; a visita de María Teresa Fernández de la Vega; o acto A Lingua é/e o futuro; a Gala do Deporte, a preparación do vixésimo aniversario do Tribunal de Garantías etc.
Promoción do Centro de Linguas 
A vicerreitoría estivo presente en todas as xuntanzas semanais de coordinación do Centro de Linguas coa directora da Fuvi e a xefa de estudos do Centro de Linguas. Colaborouse na tramitación e na renovación de varios convenios en materia de linguas (ACLES, Instituto Cervantes, ...), na xestión da convocatorias das probas HELA cos centros e na expedición dos diplomas do profesorado. 
Traballouse na promoción de todos os cursos do centro dentro da propia universidade, directamente cos servizos e cos centros, a través da web e das redes sociais. Tamén se realizaron dúas publirreportaxes que foron difundidas nas redes sociais a través dunha campaña de pago cuxo obxectivo principal era dar a coñecer o Centro de Linguas fóra do ámbito universitario e tamén aumentar a matrícula.
Realizouse unha xuntanza con todo o persoal do Centro de Linguas co fin de establecer un diálogo entre as partes e atender as demandas, as propostas e as inquedanzas do persoal. Desta xuntanza xorde, entre outras, a necesidade de comezar a traballar na transformación e a virtualización dos cursos co apoio dos medios cos que conta a vicerreitoría. 


Vicerreitoría de Transferencia

- Elaborar unha nova normativa co obxectivo básico de simplificar os trámites para formalizar as colaboracións coas empresas (proxectos, informes, cursos...) e simplificar, en consonancia, os formularios e contratos tipo utilizados na actualidade (avanzado).
- Aproveitar o impulso previsto no ámbito da dixitalización e da administración electrónica na universidade para dar soporte aos diferentes processos de formalización, seguimento e xestión asociados ás diferentes modalidades de colaboración con empresas.
- Apoiar e facilitar o labor administrativo á comunidade universitaria para a creación de novas empresas de base tecnolóxica (cumprido).
- Establecer recoñecementos docentes para o PDI que tente pór en marcha unha empresa de base tecnolóxica.
- Crear e dotar adecuadamente espazos de coworking nos diferentes campus para fomentar a maduración de ideas que poidan dar lugar a futuras empresas.
- Redefinir o papel da Fundación da Universidade de Vigo (Fuvi) como elemento facilitador da colaboración entre os grupos e as empresas.
- Incentivar o profesorado para a consecución de sexenios de transferencia e a mellora na súa actividade de transferencia de coñecemento (cumprido).
- Establecer puntos de encontro en forma de foros, xornadas e outros formatos entre os grupos de investigación e o tecido empresarial para identificar conxuntamente necesidades e oportunidades de novos proxectos, así como promover a cultura da investigación colaborativa coas empresas e a formación do persoal universitário adaptada ás necesidades do sector produtivo (cumprido).
- Definir un programa de avaliación da produción da investigación e da transferencia e considerar as patentes e os modelos de utilidade como méritos de especial relevancia dentro dos mecanismos de recoñecemento da actividade de transferencia (cumprido).
- Definir unha estratexia de difusión das capacidades e das potencialidades dos grupos de investigación dos ámbitos das humanidades e das ciencias sociais orientada ao tecido empresarial (avanzado).
- Establecer mecanismos para o fomento da cultura da transferencia de resultados naqueles grupos de investigación que o requiran, e que poidan orientarse pola vía da formación ou ben da colaboración interdisciplinaria con grupos que xa teñan ampla experiencia na relación con empresas (avanzado).
- Crear unha unidade de protección de resultados que teña por misión apoiar e facilitar os estudos e os trámites administrativos necesarios para a solicitude de novas patentes e modelos de utilidade (en proceso). 
- Promover e xestionar a relación entre a Universidade de Vigo, os organismos públicos de investigación, os centros tecnolóxicos e o mundo empresarial no ámbito investigador e tecnolóxico, e difundir os seus resultados (cumprido).
- Definir unha estratexia de difusión das capacidades e potencialidades dos grupos de investigación dos ámbitos das humanidades e das ciencias sociais orientada ao tecido empresarial. Os programas desta liña de actuación xestionaranse desde a Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (avanzado)
- Asinar un convenio de colaboración coa Fundación Empresa‐Universidade Galega (Feuga), semellante ao que xa tivemos no pasado e seguen tendo as outras universidades galegas para poder utilizar de novo este organismo como vía de xestión de proxectos con empresas.
- Regulamentar e fomentar o patrocinio e o mecenado como novas formas de financiamento na universidade.
- Potenciar a definición de programas de doutoramento que teñan en conta na definición das súas liñas de investigación as necesidades específicas dos sectores empresariais que teñan unha consideración de estratéxicos pola Universidade.
- Pór en marcha un programa de axudas predoutorais para a realización de teses en colaboración con institucións, empresas ou entidades.
- Fomentar a vinculación das temáticas das ofertas de traballos fin de grao e traballos fin de máster ás necesidades das empresas con relacións coa universidade, para poder realizar estes traballos dentro da empresa como componente adicional de formación e vía de incorporación ao mundo laboral.
- Promover e incentivar as relacións entre as OTRI das universidades galegas como unha forma de atender as necesidades do tecido empresarial galego.

Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantado e Extensión Universitaria

- Deseñar un plan de promoción da Universidade de Vigo (cumprido).
- Poñer en marcha traballos conxuntos co profesorado de secundaria e bacharelato (avanzado).
- Establecer un programa de axudas para estudantes (avanzado).
- Mellorar e fomentar a implicación do alumnado na gobernanza universitaria (avanzado).
- Identificar as necesidades formativas y elaborar un catálogo de competencias transversais dos estudantes (en proceso).
- Implementar un plan de integración e fomento das TIC (cumprido).
- Ampliar o catálogo de actividades deportivas e incrementar a participación do estudantado (en proceso).
- Impulsar o observatorio de persoas tituladas como ferramenta para o seu seguimento (cumprido).
- Apoiar as aulas de maiores (cumprido).

Comentarios