Letras Galegas.
A autora homenaxeada
este ano o 17 de Maio no Día das Letras Galegas é María Victoria Moreno
Márquez, unha muller dunha riqueza lingüística inusual: naceu na provincia de
Cáceres, medrou lingüisticamente en varias localidades segovianas, cursou o bacharelato
en Barcelona –onde aprendeu o catalán- e logo estudou Filoloxía Románica en
Madrid, da man de D. Dámaso Alonso ou D. Rafael Lapesa. Xa casada, cun
compañeiro de carreira –cego desde os tres anos- ao que axudara con algunhas
materias, veu dar a Pontevedra en 1963, onde el foi destinado como profesor e
axiña director do colexio da ONCE.
É o primeiro contacto de
María Victoria con Galicia. Alí dá clase no Valle-Inclán (de Francés, de
Latín…) e prepara oposicións, ademais de levar a súa casa. Cando aproba as
oposicións a profesora adxunta de Lingua e Literatura Españolas escolle Lugo
como destino, por ser o máis próximo que había a Pontevedra. Conducindo o seu
propio coche, con 24 anos, traballa en Lugo pola semana e marcha a Pontevedra
as fins de semana. Era o ano 1965.
E Lugo será unha “páxina
indeleble”, como ela di, na súa vida. Alí toma contacto coa xente, coa paisaxe,
coa realidade e coa fala de Galicia; e toma partido pola súa lingua, que
daquela non se estudaba, por suposto, e só falaban os pobres: “Se estou coa xente que amasa o
meu pan e mais colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles,
falar a súa fala”.
En galego iniciará a súa
carreira literaria pública: en 1973 edítase Mar
adiante e logo verán a luz moitos contos (xénero máis facilmente
compaxinable cunha vida chea doutros atafegos: “deixei de escribir por pasar o
ferro, deixei de escribir por cociñar”, di ela mesma) e grandes novelas que
constitúen fitos importantísimos da nosa literatura
infantil e xuvenil como o seu querido Leonardo
e os fontaneiros (1986, 3º Premio O Barco de Vapor) ou a intemporal Anagnórise (1988), que mereceu ser
incluída na lista de honra do IBBY en 1990.
Gañou outros
recoñecementos por varios contos e novelas: da Agrupación Cultural “O Facho” en 1972 e en 1975 por “Crarisca” e
“O cataventos”, respectivamente; pola novela do ano 1999 Guedellas de seda e liño, White Raven do Centro Internacional de
Lectura de Munich no 2002. Xa antes, e aínda en castelán, fora finalista do
premio de novela “Café Gijón” en 1969 por Alcores de Donalvar,
actualmente traducida ao galego por Xavier Senín como Onde o aire non era brisa e publicada postumamente en 2009.
Tamén é autora de
valiosísimos estudos filolóxicos e literarios como, por exemplo, os manuais de
literatura para o bacharelato sobre literatura galega (a do século XX, un eido
ermo daquela), ou os ensaios sobre a poesía de Lorca. Fixo, ademais, traducións
e dirixiu a colección “Árbore” da editorial Galaxia.
María Victoria Moreno cultivou
maxistralmente a literatura en galego e defendeu e ensinou esa lingua nuns
tempos en que iso non era fácil: chegou mesmo a verse privada do pasaporte por
impartir cursos de galego. Igual que rexentou –experiencia efémera- canda outros compañeiros unha librería (“Xuntanza”)
na que se podían ler (vender vendíanse poucos, de aí o fracaso) determinados
libros non accesibles habitualmente.
Pero o que máis lle
gustaba era transmitir nas súas clases o
amor polas palabras e pola
literatura que ela mesma sentía, “unha paixón”. Sempre dixo que, de ter que
elixir, escollería ser profesora e non escritora. E desde logo que conseguiu
desempeñar ben o seu traballo. Fíxoo en varios institutos despois d´”o Valle” e
o Masculino de Lugo: de novo en Pontevedra, en Vilalonga e tamén no Torrente
Ballester, onde se prexubilou no ano 2002, cun discurso pentalingüe: en latín,
francés, castelán, catalán e galego. Nos seus corenta anos de docencia deixou
unha fonda pegada en moitas xeracións de estudantes aos que acompañaba na súa vida
e aos que animaba para que escribisen; e fíxoo sobre todo nunha vila, a de
Pontevedra, na que moitos falan galego grazas a ela e moitos leron o seu
admirado Quixote grazas a ela.
Quebrantada na súa saúde
deixounos unha última e esperanzada lección de vida no seu Diario da luz e a sombra, publicado en 2004. Nel escribe que lle
gustaría deixar “un ronsel de amor, un bo exemplo e un libro que descubra algo
a quen o lea”. Desde logo que o conseguiu.
María Victoria Moreno (1939-2005). Muller
de corazón forte, sensible onde as haxa, comprometida activamente coa causa da
lingua galega, extraordinaria dominadora de rexistros e comunicadora
engaiolante, adiantada en tantas cousas, profesora incomparable, pioneira da
literatura infantil e xuvenil galega… Con xustiza honrámola este 17 de Maio. É
a cuarta muller homenaxeada desde que se instituíu a festa en 1963.